Ourense inaugura este venres o Nadal co acendido das luces e un tributo a Sabina

O Concello de Ourense inaugurará oficialmente a iluminación de Nadal este venres 5 de decembro cun acto público na Praza Maior, que este ano estará dedicado ás persoas cegas, representadas por membros da ONCE. O evento contará ademais cunha actuación musical a cargo dunha banda tributo que interpretará cancións de Joaquín Sabina.
Ás 19:30 horas comezará o tributo a Sabina, e ás 20:00 procederase ao acendido oficial das luces de Nadal.
Debido a este acto, será necesario pechar ao tráfico un tramo da rúa do Progreso, desde a glorieta de San Rosendo ata a baixada á Praza de Abastos. O peche iniciarase ás 12:00 horas e manterase ata a finalización das actividades, prevista arredor das 21:30 horas. Ata as 18:30 horas, os vehículos procedentes do Xardín do Posío poderán circular pola baixada ao mercado municipal e acceder a Parada Justel en dirección a Xoán XXIII. A partir desa hora, tamén se cortará o tráfico na rúa Parada Justel.
Así mesmo, estará prohibido estacionar na baixada á Praza de Abastos desde as 12:00 horas ata o final do acto.
O evento provocará modificacións nas rutas dos autobuses urbanos. En sentido cara ao Xardín do Posío, os autobuses circularán por Xoán XXIII, rúa Concello, Bedoya, avenida de Bos Aires, Xoán de Novoa, Pardo Bazán e Pena Trevinca. En dirección ao Parque de San Lázaro, pasarán por Xardín do Posío, baixada á Praza de Abastos, Parada Justel, Progreso (con parada provisional en Inorde), Xoán XXIII e Parque de San Lázaro. A partir das 18:30 horas, o percorrido cara ao Parque de San Lázaro cambiará por Xardín do Posío, Pena Trevinca, Pardo Bazán, avenida da Habana e Parque de San Lázaro.