Ourense inicia a campaña de vacinación contra a gripe

OurenseXa
A campaña deste ano amplía a cobertura antigripal a maiores e á poboación infantil e non se fará en grandes recintos de vacinación
vacinacion-gripe-ourense
29 Sep 2025

A provincia de Ourense prepárase para unha nova campaña de vacinación fronte á gripe e á covid, correspondente á tempada 2025-2026. A iniciativa arrancou este luns na residencia de maiores do Carballiño, onde se deu o pistoletazo de saída coa presenza do delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo.

A campaña introduce dúas novidades principais: a ampliación da cobertura antigripal a maiores e á poboación infantil, e a decisión de non habilitar grandes recintos de vacinación, apostando no seu lugar por unha organización descentralizada.

Na provincia de Ourense, a vacinación en centros de saúde e consultorios comezará o 13 de outubro cos nenos de entre 6 meses e 11 anos, e o 20 de outubro coas persoas maiores de 70 anos. O Sergas prevé administrar arredor de 102.000 doses para acadar os obxectivos fixados.

A citación será automática mediante SMS para maiores de 60 anos e menores de 6 meses a 11 anos —agás quen participe no programa piloto escolar—. Os demais grupos de risco, como embarazadas, persoal sanitario ou persoas inmunodeprimidas, deberán pedir cita a través da aplicación Sergas Móbil. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro.

Unha das principais apostas será o programa piloto de vacinación escolar, coordinado entre Sanidade e Educación, que chegará a 19.000 escolares de entre 3 e 11 anos de 55 colexios galegos, nove deles na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. A vacina será intranasal e as doses administraranse directamente nos propios centros, co apoio de equipos de enfermaría. Antes de comezar o proceso, as familias recibirán información detallada e deberán asinar a autorización correspondente.

A campaña complétase coa inmunización contra o virus respiratorio sincitial (VRS), xa en marcha desde o 22 de setembro para bebés nacidos en hospitais galegos. Tamén serán convocados os menores de seis meses, co fin de reducir o número de hospitalizacións en lactantes, tras os bos resultados do ano pasado, cando se administrou a máis de 12.700 nenos en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.10222601890564