Ourense intensifica o control dos aparcadoiros indebidos nas paradas de autobús

O Concello de Ourense solicitou a colaboración dos condutores para respectar as paradas do servizo de autobús e anunciou que reforzará os controis sobre os vehículos privados que ocupen estes espazos de maneira indebida.
O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, alertou de que nos últimos días se detectou un aumento de condutores que utilizan as paradas de autobús para deter os seus vehículos co fin de realizar xestións ou traballos de carga e descarga. Esta práctica, que incumpre a ordenanza de tráfico, prexudica directamente o funcionamento do transporte público, xerando molestias e retrasos aos milleiros de veciños que o utilizan a diario.
Pérez Jácome insistiu en que son “comportamentos incívicos que debemos frear, xa que prexudican o ben común e afectan a moitísimas persoas, polo que deberemos poñer máis enerxía no seu control”. O alcalde avanzou que o Concello intensificará a vixilancia e, se é o caso, impoñerá as sancións correspondentes a quen infrinxa a normativa.
A problemática detectouse tanto en paradas novas como en xa existentes, situadas en rúas como Concello, Pardo de Cela, Francisco Lloréns ou no barrio da Ponte, entre outras. O Concello fai un chamamento á responsabilidade dos condutores para garantir o bo funcionamento do transporte público.