Ourense pechará un tramo da rúa do Progreso polo acendido das luces de Nadal

O próximo venres 5 de decembro, con motivo do acto de acendido das luces de Nadal, será necesario pechar ao tráfico un tramo da rúa do Progreso, desde a glorieta de San Rosendo ata a baixada á Praza de Abastos. O peche comezará ás 12:00 horas e manterase ata a finalización das actividades, previstas arredor das 21:30 horas.
Ata as 18:30 horas, os vehículos procedentes do Xardín do Posío poderán circular pola baixada ao mercado municipal e acceder a Parada Justel en dirección a Xoán XXIII. A partir das 18:30, tamén se cortará o tráfico na rúa Parada Justel.
Ademais, estará prohibido estacionar vehículos na baixada á Praza de Abastos desde as 12:00 horas ata o final dos actos.
Modificación das rutas dos autobuses urbanos
- En sentido cara ao Xardín do Posío, circularán por Xoán XXIII, rúa Concello, Bedoya, avenida de Bos Aires, Xoán de Novoa, Pardo Bazán e Pena Trevinca.
- En sentido cara ao Parque de San Lázaro, pasarán por Xardín do Posío, baixada á Praza de Abastos, Parada Justel, Progreso (con parada provisional en Inorde), Xoán XXIII e Parque de San Lázaro.
Desde as 18:30 horas, o percorrido cara ao Parque de San Lázaro cambiará a Xardín do Posío, Pena Trevinca, Pardo Bazán, avenida da Habana e Parque de San Lázaro.