Ourense poderíase converter nun núcleo lonxevididade con distintivo "Blue Zone"

OurenseXa
Un proxecto europeo detectou 66 zonas de extrema lonxevidade en Galicia, entre as que se atopa Ourense
Rúa do Paseo, Ourense
Rúa do Paseo
22 Out 2024

Acreditar a Galicia como “Zona Azul” do planeta (só existen 5 zonas catalogadas así pola alta concentración de persoas centenarias na súa poboación), coa especial incidencia da provincia de Ourense, é o obxectivo dun estudio que están a realizar recoñecidos demógrafos a nivel mundial como é o caso de Michel Poulain, profesor emérito da Universidade Católica de Lovaina (Bélxica) e gran experto en lonxevidade, acompañado polo seu equipo así como por José María Failde Garrido, presidente da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía.

Nunha primeira fase dos traballos, o grupo de investigación detectou 66 zonas de extrema lonxevidade en Galicia, entre as que se atopa Ourense, un municipio que ademais presenta a particularidade de tratarse dunha zona urbana, cando esta clase de zonas adoitan ser rurais.

Galicia, segundo os datos do padrón de habitantes, tiña no ano 2022 un total de 2.039 persoas centenarias, o que equivale a unha taxa de 75,79 persoas centenarias por cada 100.000 habitantes. Estas cifras convértena nunha das comunidades autónomas con maior concentración de persoas que supera os 100 anos. Ademais, hai rexións no interior galego con taxas que se atopan entre as máis elevadas a nivel mundial, similares ou superiores aos rexistrados nas denominadas blue zones. Ata o momento, foron documentadas cientificamente como zonas azuis a illa de Okinawa en Xapón, Martinica (Francia), a illa de Ikaria en Grecia, a zona montañosa da illa de Sardeña en Italia e a península de Nicoya en Costa Rica).

Aínda sen “zona azul” polo de agora, o demógrafo recoñece que “Galicia e Ourense son modelo de lonxevidade e envellecemento saudable”, polo que matizou que “o importante é demostrar agora por que a poboación neste punto do mundo ten esta lonxevidade. Todos os signos son moi positivos”, dixo, sinalando que neste estudo veñen de descubrir “centenarios felices e ben coidados” e destaca o modo de vida e de relacionarse da xente maior, onde prima a tranquilidade.

O Concello e a Deputación colaboran con este proxecto e achegará ao grupo de investigación información estatística sobre a lonxevidade en Ourense. O Concello tamén colaborará no congreso internacional de xeriatría e xerontoloxía que se desenvolverá na cidade no mes de maio.

0.13347911834717