Ourense pon fin a un Entroido multitudinario que chegou a reunir 30.000 persoas nas noites do sábado e o luns

O Concello de Ourense fai un balance "enormemente positivo" do Entroido 2026. Tras sete días de intensa programación, a cidade reafírmase como o referente do Carnaval do norte peninsular consolidándose, segundo afirman dende o Goberno municipal, entre os grandes de España xunto con Canarias e Cádiz.
Segundo os datos facilitados pola Policía Local, as xornadas de maior concorrencia foron as noites do sábado e o luns, chegando a reunir 30.000 persoas en cada unha delas ocupando as rúas do centro histórico e as zonas de concertos.
Esta grande afluencia, sinalan dende o consistorio, traduciuse tamén nun alto volume de traballo para os servizos municipais: a recollida de lixo multiplicou por catro as cifras rexistradas na pasada Noite de Fin de Ano, acadando unhas 20 toneladas cada unha desas noites grandes, un indicador claro da magnitude do evento.
Un dos puntos álxidos da programación foi o Desfile de Entroido do domingo, que reuniu a miles de persoas. Dende o Concello destacan a calidade das comparsas e carrozas que participaron este ano.
O tempo, un ano máis e malia as previsións de inestabilidade, deu a tregua necesaria para o desenvolvemento normal de todas as actividades, agás na tarde do domingo, cando a actuación da orquestra Kubo tivo que ser cancelada por problemas técnicos.
A hostalería ourensá, segundo os datos do Concello, viviu unha semana de gran actividade, con cheos técnicos tanto en restaurantes como en hoteis, convertendo estas datas como cita clave no calendario turístico de Ourense.
O goberno local agradece o comportamento cívico da cidadanía e o esforzo do operativo de seguridade e limpeza que permitiu que estas festas transcorreran sen incidentes salientables.