Ourense prepárase para acoller o Festival Pórtico do Paraíso

OurenseXa
O XVII Festival Pórtico do Paraíso ofrecerá cinco concertos nos que participan músicos procedentes de Polonia, Serbia, Francia e España
portico_do_paraiso_2022
Festival Pórtico do Paraíso
2 Maio 2024

Ourense acolle a partir deste venres, 3 de maio, a décimo sétima edición do Festival Pórtico Paraíso, que levará a cabo ata o 12 de maio e que conta coa participación de músicos procedentes de Polonia, Serbia, Francia e España.

O festival terá lugar en distintos puntos da provincia de Ourense, incluíndo a capital e os concellos De Castro Caldelas e Cea. A Xunta de Galicia mantén a súa colaboración económica con esta iniciativa, dedicada á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos patrimoniais, que este ano ofrecerá cinco concertos.

O Pórtico do Paraíso ten xa consolidado un importante papel como plataforma de difusión da música culta a través de propostas tanto de intérpretes galegos como do resto de España e do panorama internacional.

No cartel deste ano, o castelo de Castro Caldelas acollerá o 5 de maio o dúo galego-polaco no que se xuntan os talentos do arpista compostelán Manuel Vilas e a voz da mezzo-soprano especializada en música antiga pola Universidade de Varsovia, Paulina Ceremuzynska.

Outro espazo arquitectónico singular, o do Mosteiro de Santa María de Oseira, en Cea, será o escenario para o recital de peche o 12 de maio a cargo do grupo de voces, violín e percusións Diabolus in Musica, procedente de Francia.

Na cidade de Ourense terá lugar o concerto inaugural que correrá a cargo do cuarteto vocal Cantoría o 3 de maio no Liceo, mentres que o Teatro Principal acollerá a actuación  do trío español de clarinete, viola e piano, Música y Memes, o día 7, e o acordeonista serbio Miloš Milivojević tocará na Igrexa de Santo Anxo o día 10.

Encontros con estudantes no Conservatorio

Nesta edición, en paralelo ao programa de concertos, o Conservatorio Profesional de Música de Ourense acollerá dúas sesións nas que o alumnado terá a oportunidade de coñecer de cerca o traballo do grupo vocal español Cantoría, que visitará o centro o 2 de maio, e do acordeonista serbio Miloš Milivojević, que compartirá unha sesión con estudantes o día 9.

 

 

0.20237898826599