Ourense prepárase para celebrar o San Martiño co seu tradicional Magosto no centro da cidade

OurenseXa
Música e gastronomía protagonizarán unha das festas con maior tradición da capital
magosto_ou
3 Nov 2025

O Concello de Ourense presenta o programa do Magosto 2025, que se celebrará o martes 11 de novembro e encherá de ambiente festivo a Praza Maior, a Praza Bispo Cesáreo e a Rúa do Progreso (Alameda).

A festa comezará ás 18:00 horas e prolongarase ata a noite, combinando gastronomía tradicional e música para todos os públicos. Nese momento iniciarase o reparto gratuíto de castañas asadas e tamén haberá unha zona na que se ofrecerá chourizo asado con pan de masa nai, viño ou auga por un prezo simbólico de tres euros, ademais doutras propostas gastronómicas como callos e porco asado ao espetón.

A parte musical comezará co concerto de Brañas Folk na Praza Maior, acompañado por Verónica Codesal, Pancho Álvarez, María Jorge e o grupo de gaitas De pé feito, coordinado por Gonzalo Abelairas. Máis tarde, a Orquestra Olympus porá o broche final na Rúa do Progreso (Alameda) co seu espectáculo, que promete baile e diversión para pechar a noite de San Martiño.

Con esta programación, o Concello busca manter viva a tradición do Magosto e ofrecer a veciños e visitantes unha xornada de convivencia, música e sabor no corazón da cidade.

PROGRAMA COMPLETO DO MAGOSTO DE OURENSE 2025

⚙ Configurar cookies
0.074209928512573