Ourense presenta a súa felicitación oficial de Nadal, obra dun alumno do CPR Padre Feijóo

O Concello de Ourense xa ten imaxe para a súa felicitación oficial de Nadal deste ano, obra de Olivier García Sierralta, estudante de Primaria do CPR Padre Feijóo. O debuxo gañador foi seleccionado no Certame Infantil de Debuxo da Postal de Nadal 2025.
Nesta edición participaron un total de 174 escolares de 6º de Educación Primaria, procedentes de 12 centros educativos da cidade.
O premio para Olivier foi un lote de libros, mentres que a súa clase recibiu unha cesta con material didáctico. O xurado estivo composto pola artista plástica Cristina Roo, Eva Torres Rodríguez, directora de espazos expositivos, e Sara Dacal, coordinadora de programas educativos do Concello.