Ourense presenta “Nadal entre irmáns”, un evento que achega a cidadanía as tradicións de Colombia e Venezuela

O Campo da Feira de Ourense acollerá o próximo domingo 7 de decembro a actividade “Nadal entre irmáns”, organizada pola Asociación de Colombianos de Ourense coa colaboración do Concello e varias empresas locais. A entrada será gratuíta e o evento desenvolverase desde as 12 do mediodía ata a noite.
A xornada contará con 14 postos de gastronomía típica de Colombia e Venezuela, xunto con cinco espazos dedicados a emprendedores da zona. Ademais, haberá actividades tradicionais propias destas datas, como o acendido de velas, a actuación dun coro infantil e xogos típicos. En canto á música, poderase gozar de actuacións en directo de Los Coleguitas, Latinshow, Santiago Cely e Keyla Guerra, ademais da sesión dun DJ.
Esta iniciativa foi presentada esta mañá no salón de plenos do Concello, coa presenza do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, a presidenta da Asociación de Colombianos de Ourense, Rina Dayana Rolong, e representantes dos emprendedores e voluntarios participantes.
As organizadoras convidan a toda a cidadanía ourensá a participar nesta celebración, que representa unha oportunidade para coñecer as tradicións de Nadal de Colombia e Venezuela. “Celebraremos o Nadal típico de Colombia e Venezuela, con actividades como o acendido de velas, que é unha tradición moi especial nestas datas de Nadal, nas que chega a esperanza. Haberá comida típica dos nosos países, festín, música... Queremos compartir o Nadal entre irmáns. É un evento para todas as persoas de Ourense, haberá música colombiana e música de aquí, para que a xente se anime a bailar e a compartir con nós esta celebración, como nós compartimos as tradicións de acá”, sinalan dende a organización.