Ourense presenta o ciclo "Garantía Plena"

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do ciclo Grantía Plena, un festival en feminino, celebrada no Liceo de Ourense. Un evento no que a poeta Yolanda Castaño e o guitarrista José Manuel Dapena encherán a capela do Santo Anxo de música e poesía o 10 de marzo ás 12,00 horas.
Organizado pola Fundación Santa Marina-Temes, coa colaboración económica da Xunta de Galicia, Grantía Plena trata de achegar ao público asistente unha combinación de poesía, música e patrimonio para enxalzar a importancia da cultura galega na sociedade. “A capela ten un valor patrimonial moi marcado, pero é descoñecida para a maioría da cidadanía, polo que o festival busca abrir este espazo para que os que se acheguen poidan descubrir as súas singularidades”, anota Anxo M. Lorenzo.
Así mesmo, esta cita quere visibilizar o traballo das mulleres artistas, por iso se enmarca a súa celebración no 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Yolanda Castaño e José Manuel Dapena darán forma a un recital no que se alternarán poemas do libro Materia, co que ela gañou o Premio Nacional de Poesía 2023, con pezas de música para guitarra. “Yolanda Castaño tamén dará ao público a posibilidade de coñecer de preto a súa obra e a súa traxectoria nun diálogo previo á parte musical”, engadiu o representante de Cultura do Goberno galego.