Ourense promociona o seu patrimonio prerrománico na Casa de Galicia en Madrid

A Casa de Galicia en Madrid acolle ata o 25 de xaneiro a exposición “Arte prerrománico en Ourense”, unha mostra que invita a coñecer un período clave e pouco explorado da historia artística e cultural galega. Organizada con pezas do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, a exposición ofrece un percorrido polo arte desenvolvido entre a caída do Imperio Romano e a chegada do románico, unha etapa de transición fundamental na configuración da Galicia medieval.
O arte prerrománico en Galicia combina influencias romanas con elementos visigodos, asturianos, mozárabes e bizantinos, e caracterízase por unha forte identidade local, especialmente na etapa sueva, propia desta rexión e sen paralelo noutras zonas da Península Ibérica.
A exposición destaca especialmente a provincia de Ourense, onde se conservan algúns dos exemplos máis significativos deste período. A través de relevos, pezas escultóricas e restos arquitectónicos, os visitantes poden descubrir a riqueza cultural dunha época que hoxe se entende como un momento de creatividade e transformación, afastándose da idea tradicional de “época escura”.
Entre os puntos destacados están os espazos monásticos altomedievais, como San Pedro de Rocas, un dos conxuntos monásticos máis antigos da Península, así como as igrexas de Santa Comba de Bande, San Xes de Francelos e San Xoán de Camba. Estes lugares reflicten a evolución da arquitectura relixiosa e a convivencia de diversas correntes artísticas entre os séculos VIII e X.
A mostra tamén axuda a comprender como durante estes séculos Galicia foi definindo a súa identidade territorial, lingüística e política, un proceso do que as pezas exhibidas son testemuñas. Ademais, invita a coñecer in situ moitos destes bens culturais, situados en paraxes naturais de grande beleza, como a Ribeira Sacra.
Esta proposta expositiva, que combina rigor histórico cun enfoque divulgativo, ofrece ao público madrileño unha oportunidade única para achegarse ás raíces artísticas e culturais do interior de Galicia.