Ourense reactiva Convívere 2026 cunha programación de obradoiros quincenais sobre igualdade e convivencia

A Concellería de Igualdade do Concello de Ourense pon de novo en marcha o Proxecto Convívere 2026, que regresa tras a boa acollida de edicións anteriores e incorpora máis actividades. Baixo o lema ‘Coexisten os obxectos, as persoas conviven!’, a iniciativa propón unha serie de obradoiros quincenais con enfoques variados, pero cun obxectivo común: achegar reflexións e ferramentas sobre o feito de sermos humanos que contribúan ao entendemento persoal e colectivo.
O programa está orientado a persoas maiores de 18 anos e desenvolverase cada quince días en horario de 17.00 a 20.00 horas, nas dependencias do CIMM-Concellería de Igualdade, na rúa Vasco da Ponte, 1. A organización estruturou as sesións por temáticas mensuais e permite anotarse ao proxecto completo ou por meses soltos. Ademais, haberá obradoiros exclusivos para mulleres e outros mixtos.
A programación arranca en xaneiro co bloque ‘As mulleres’ (só mulleres): o 21 de xaneiro, ‘A mesma pero non o mesmo’, con Ana Pérez Cardoso (educadora do CIMM), e o 28 de xaneiro, ‘Somos o que contamos que somos’, con Getse Valenzuela. En febreiro, xa en formato mixto e arredor do amor, celebraranse ‘En amor a dous’ (18 de febreiro, Ana Pérez Cardoso) e ‘Herbas para namorar’ (25 de febreiro, María Fra).
En marzo, o foco porase no climaterio e a menopausa (só mulleres) coas sesións do 18 de marzo (con Almudena Herranz Roldán) e do 25 de marzo (con Leticia Porto Barral). Abril estará dedicado ás parellas (mixto) con ‘Contigo, pan e cebola’ (22 de abril) e ‘Sendo xuntos, sendo corpóreos/as’ (29 de abril). O ciclo completarase en maio cun bloque sobre diversidade (mixto) con ‘Vivir en compañía’ (20 de maio) e ‘Ser e facer coa diversidade’ (27 de maio).
As inscricións poden formalizarse no propio CIMM, por teléfono no 988 393 191 ou a través do correo concelleriamuller@ourense.es. O prazo para anotarse remata o 19 de xaneiro de 2026 e existe posibilidade de conciliación.