A provincia de Ourense recibiu en 2024 máis de 554 millóns de euros en investimentos en infraestruturas

OurenseXa
En total, estas medidas impulsadas dende o Goberno Central deixaron 397,2 millóns en infraestruturas de tipo ferroviario, 169,1 millóns en estradas e 77,2 millóns en agricultura e patrimonio
Rafael Rodríguez Villarino e Marga Martín
Rafael Rodríguez Villarino e Marga Martín
17 Jan 2025

O PSdeG-PSOE de Ourense destaca a importancia que ten para a provincia os investimentos levados a cabo polo Goberno do Estado en materia de infraestruturas e o escudo social, potenciado co aumento das pensións, o salario mínimo ou o ingreso mínimo vital en 2024. As e os socialistas consideran que todas estas medidas impulsadas polo PSOE “contribuirán eficazmente a afrontar o reto territorial e demográfico da provincia”, motivo polo que lle piden ao Goberno que “manteña este esforzo inversor e intensifique a aprobación de programas financiados cos fondos Next Generation”.

O senador e secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, e a deputada no Congreso, Marga Martín, fixeron balance das diferentes medidas e investimentos levados a cabo polo Goberno na provincia e que “benefician a milleiros de ourensáns”. Ourense recibiu en 2024 máis de 554 millóns de euros en investimentos en infraestruturas, correspondendo 397,2 millóns as de tipo ferroviario, 169,1 a estradas e 77,2 a agricultura e patrimonio.

Rafa Villarino sinala que “a creación de infraestruturas que vertebren o territorio é un dos factores que contribúen a cambiar a dinámica negativa que vive a provincia en poboación”. Neste senso apunta a que as inversións que está a realizar o Goberno socialista “están dirixidas á creación, mellora e mantemento de infraestruturas de comunicación terrestre, que son dunha magnitude descoñecida na provincia de Ourense”. Subliña que a chegada do PSOE ao Goberno “supuxo un cambio drástico respecto á paralización e recortes previos dos goberno estatais do PP, xerando un dinamismo nunca antes visto”.

“A mellor proba está na avalancha de viaxeiros que chegan á estación de tren de Ourense dende a posta en marcha da rede de alta velocidade ferroviaria o 21 de decembro de 2021”, afirma o senador socialista pola provincia de Ourense. Villarino tamén destaca que estas cifras “disparáronse dende a posta en marcha do AVE con 1,8 millóns de viaxeiros en 202, 2 millóns en 2023 e 2,2 en 2024”.

Marga Martín apunta a que ademais dos investimentos en infraestruturas, as políticas sociais do Goberno de Pedro Sánchez “son a punta de lanza que está axudando a cidadanía da provincia e mellorando a súa calidade de vida”. Neste senso destaca que “os números avalan que a política do Goberno funciona e botan por terra os discursos do PP que dicían que non se podían subir as pensións, nin o salario mínimo interprofesional, nin tampouco apostar polos contratos indefinidos”. Tal e como sinala “subíronse as pensións, subiuse o SMI e temos máis afiliados que nunca na seguridade social, a pesar do voto en contra do PP a todas estas medidas”.

En relación ás pensións, a deputada no Congreso polo PSdeG-PSOE de Ourense destaca que “en só un ano de Goberno de Pedro Sánchez subiuse máis a pensión que en todos os anos de Rajoy ao fronte do Goberno”. En Ourense concretamente a pensión media é hoxe de 1035 euros e en 218 era de 772,”algo importantísimo nunha provincia con 108.829 pensionistas”. Sobre o SMI subliña “a subida de 400 euros, o que beneficia a 14.000 traballadores na provincia” e tamén destaca a aposta polos contratos indefinidos que “supuxeron que se pasase dos 7.982 aos 20.788 na provincia, cun incremento do 163%”.

Investimentos do Goberno en infraestruturas:

  • 112 millóns de euros para a nova estación intermodal de Ourense.
  • 125,5 millóns de euros para a Variante Exterior de Ourense.
  • 63,2 millóns na implementación do ERTMS.
  • 6,5 millóns para converter a antiga estación de San Francisco no novo centro de regulación de circulación ferroviaria en Galicia.
  • 53,5 millóns para a autovía A-56 entre Lugo e Ourense.
  • 29,34 millóns para a Variante Norte de Ourense no tramo Eirasvedras-Quintela.
  • 57,07 millóns para a circunvalación do Barco.
  • 13 millóns para mantemento da N-525, a A-52, a A-75 e a ligazón da A-75 coa A-72.
  • 6,34 millóns na reparación dos viadutos de Arnoia e A Valenzá na A-52.
  • 5,76 millóns en carrís de adiantamento e mellora da intersección da N-120 entre Peares e Ourense.
  • 4,8 millóns na humanización da N-525 ao seu paso por Xinzo.
  • 42, 2 millóns para a modernización integral de rega de 3.576 hectáreas da Limia.
  • 35 millóns para as obras xa realizadas no Complexo Cultural de San Francisco e na última fase do museo arqueolóxico.

As políticas sociais do Goberno e a repercusión en Ourense:

  • As pensións pasaron dos 772 euros en 2018, aos 1035 euros ao mes en 2024, cun aumento de 264 euros.
  • ingreso mínimo vital repercute en 10.902 beneficiarios na provincia.
  • Os contratos indefinidos son xa 20.778, fronte aos 7.982 que había en 2019, un 163% máis.
  • A provincia conta con 106.744 afiliados a Seguridade Social, 4.751 persoas máis que en 2018.
  • bono social eléctrico beneficia a 14.574 cidadáns da provincia.
  • Os abonos gratuítos de transporte ferroviario repercuten positivamente a 10.950 persoas na provincia.
  • O bono cultural chega a 1383 mozos e mozas na provincia, o 63,5% de posibles solicitantes.
  • O Goberno aporta actualmente máis do 40% para dependencia
0.13578581809998