Xunta e Deputación reforzan a cooperación para realizar actividades de dinamización turística na provincia de Ourense
A Deputación de Ourense, a través do Inorde; e a Xunta, a través da Axencia de Turismo de Galicia, subscribiron esta mañá o convenio polo que reforzan a súa cooperación para realizar actividades de dinamización turística na provincia.
Os encargados de asinar este acordo, cun importe total de 119.896 euros, foron o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles. A sinatura do convenio fíxose en presenza do delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, e do presidente provincial, Luis Menor, quen lembrou que esta colaboración institucional existe desde hai anos, “que sirve para continuar con ese obxectivo estratéxico que temos na provincia que é a súa promoción turística en todos os seus ámbitos”. O presidente provincial sinalou tamén o traballo do Inorde a prol destes obxectivos e a colaboracións constante da Xunta a través, neste eido da Axencia de Turismo de Galicia.
O director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, lembrou que “estamos ante un convenio histórico cun dos organismos máis solventes para a promoción da provincia, como é o Inorde”, sinalando tamén que existen outros convenios para promoción de xeodestinos específicos. “Con esta boa colaboración que temos coa Deputación, os investimentos que se van desenvolver a través do Xacobeo e dos Plans de Dinamicación Turístico serán un impulso para posicionar e consolidar á provincia de Ourense como destino turístico, que nos cinco primeiros 5 meses de 2024 recibiu 139.000 viaxeiros aloxados e preto de 257.000 noites en Ourense. Ademais, en Ourense o 90% da demanda concéntrase no segmento hoteleiro, cuxa demanda está a medrar un 3%.
No que atinxe á Vía da Prata, tamén puxo de manifesto que xa recibiu 4.600 peregrinos que recolleron a Compostela, un 19% máis que no ano anterior, “o que significa que se está a traballar moi ben”, destacou Merelles.
Obxectivos do convenio
Os obxectivos do convenio asinado hoxe baséanse en actividades relacionadas coa promoción, dinamización e fomento do turismo que inclúa a realización das seguintes liñas de acción:
1. Dinamización do turismo deportivo. O Turismo Deportivo tense convertido nunha das grandes bazas da proxección turística do territorio rural ourensán mediante a posta en valor dos seus recursos naturais. Os eventos cicloturistas na provincia que obxecto do presente convenio son: “Ourense Strade Termal”, “Ribeira Sacra Cycling Road” e “Xurés Bike Tour”.
2. Promoción da Vía da Prata/Camiños da provincia de Ourense. Busca contribuír a dinamizar o itinerario xacobeo máis extenso en Galicia, que conta con 200 quilómetros na provincia de Ourense e transcorre por 28 concellos. Prevense realizar as seguintes accións: Unha de creación de produto turístico asociado á Vía da Prata prioritariamente, deseñando paquetes a través de operadores especializados no Camiño. E realizar unha campaña de Márketing Dixital baseada en dúas experiencias: a chegada en AVE a Ourense, e inicio do Camiño e recuperación antes de retomar o AVE de regreso a través das augas mineromedicianais. E, por outra banda, propostas cicloturistas chegando en Tren á Gudiña (200 km a Compostela)asociadas ao Centro BTT Portas de Galicia.
Tamén se establecerán accións de dinamización da Vía da Prata a través de actividades que involucren á comunidade local, organizando rutas por etapas con guías especializados, co obxectivo de converter á poboación da provincia de Ourense en prescritores deste itinerario. Creación de produto turístico e campaña de márketing dixital; e accións de dinamización da Vía da Prata a través de actividades que involucren á comunidade local.
3. Promoción do enoturismo. O enogastroturismo é un dos recursos esenciais de Galicia e da provincia de Ourense, onde se albergan catro das cinco denominacións de orixe. A promoción destes recursos será a través de dúas actuacións: A primeira, unha viaxe de familiarización con prescritores para promover a oferta de enoturismo en novos mercados, promovendo experiencias nas diferentes Denominacións de Orixe de Galicia. A segunda será unha edición de microvídeos para a Ruta do Viño do Ribeiro, incluíndo servizos turísticos distinguidos/adheridos no destino SICTED Ourense Termal.
4. Promoción en mercados de proximidade. Workshop/presentación de empresas turísticas da provincia de Ourense en INTUR (Valladolid). Trátase dun mercado de proximidade que é límite coa provincia e onde se pode optimizar a participación do destino mediante as seguintes actuacións: organización dunha misión inversa de empresas de servizos turísticos facilitando a súa axenda con comercializadores en INTUR; organización dunha presentación do destino para axencias de viaxes minoristas de Castela e León. Tamén se contemplará unha acción de márketing dixital para o público de Valladolid.
5. Deseño de soportes para actividades de turismo.
6. Promoción de Ourense como destino de turismo de negocios. O turismo MICE (Meetings, Incentives, Conferences and Exhibitions) caracterízase por ser un elemento dinámico do turismo. Os principais motivos son a desestacionalización, o impacto económico e a creación de emprego.
Na provincia de Ourense continúa a ter oportunidades de crecemento, dado o salto cualitativo que experimentou en termos de conectividade.
Todas elas son accións que teñen como obxectivo favorecer o coñecemento de Galicia como destino turístico de calidade a nivel interno e internacional reforzando as accións sobre os recursos con maior valor engadido para o sector turístico e que, ao mesmo tempo, favorezan a sustentabilidade, a desestacionalización e o reforzamento da marca.