Ourense recupera o seu prestixioso Clínic de baloncesto
O Pazo dos Deportes "Paco Paz" albergará, os vindeiros 28, 29 e 30 de xuño, o XXIV Clínic Deputación de Ourense, organizado pola institución provincial e a Federación Galega de Baloncesto a través da Escola Galega de Adestradores (EGA), aumentando deste xeito, o legado dunha cita de prestixio que foi durante máis de dúas décadas un evento ineludible para os técnicos de toda Galicia, do territorio nacional e mesmo internacional.
Como cita de referencia durante dúas décadas na formación de técnicos en toda Galicia, regresa en 2024 cunha aposta amplamente ambiciosa e esixente, aspirando, sen dúbida, a converterse de novo na cita de asistencia ineludible para todos os técnicos da provincia de Ourense, Comunidade Galega e, por suposto, de todo o ámbito nacional e norte de Portugal.
O Clínic “Deputación de Ourense” naceu na primavera de 1987, nas instalacións deportivas da Universidade Laboral. Ano tras ano, e grazas a contar cunha sólida oferta formativa e unha carteira de relatoras de altísimo nivel converteuse nun momento referente no ámbito do noso Baloncesto.
Durante case dúas décadas os asistentes e participantes no Clínic, puideron gozar, grazas ao esforzo e empeño da Deputación, de nomes tan relevantes como Antonio Díaz Miguel, José Antonio Figueroa, Chema Buceta, Ricardo Hevia, Manolo Coloma, Gustavo Aranzana, Zeljko Pavlicevic , Víctor Varela, Javier Imbroda, Ángel Navarro, Pepe Laso, Pedro Martínez, Mike Fratello, Dick Harter, Lolo Sainz, Randy Knowles, Alfred Julbe, Zeljko Obradovic, Moncho Monsalve, Ranko Zeravica, Ettore Messina ou Xavi Pascual.