Ourense rende homenaxe a Marcos Valcárcel

OurenseXa
Familia, amigos, escritores e persoas vinculadas ao ámbito cultural reuníronse no Centro Cultural homónimo nun acto para lembrar historiador e xornalista baixo o título “Quince anos sen Marcos Valcárcel”
homenaxe-marcos-valcarcel
13 Dec 2025

O Centro Cultural Marcos Valcárcel, dependente da Deputación de Ourense, acolleu este venres un acto de homenaxe ao historiador e xornalista que dá nome ao espazo, coincidindo co quince aniversario do seu falecemento. Baixo o título “Quince anos sen Marcos Valcárcel”, amigos, escritores e persoas vinculadas ao ámbito cultural reuníronse para lembrar a figura dun dos intelectuais máis destacados da provincia.

O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, participou nun evento no que varias voces próximas a Valcárcel ofreceron lecturas de textos dedicados ao autor, principalmente composicións poéticas. Entre os participantes estiveron figuras como Afonso Vázquez Monxardín e Xosé Lois Carrión, que compartiron lembranzas persoais e destacaron a súa contribución á vida cultural ourensá.

A familia tamén estivo presente a través de Fiz Valcárcel, irmán do homenaxeado, que se sumou á xornada de evocación.

O acto pechouse coa música do grupo Brasas, que puxo o broche final a unha tarde marcada pola emoción e polo recoñecemento ao legado de Marcos Valcárcel. Os participantes coincidiron en subliñar o seu carácter dialogante e conciliador, valores que o converteron nun referente imprescindible para entender a cultura e o pensamento contemporáneo en Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.088221073150635