Ourense rendeu homenaxe ás irmás Touza para conmemorar o Día das Vítimas do Holocausto

OurenseXa
O acto, organizado polo PSdeG, puxo en valor a figura destas tres mulleres ourensás que, durante a Segunda Guerra Mundial, desempeñaron un papel clave no rescate de máis de 500 persoas perseguidas polo nazismo
homenaxe-irmas-touza-psdeg-ourense
2 Feb 2026

A Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense, en colaboración con Xuventudes Socialistas, organizou un acto de homenaxe ás irmás Touza con motivo da conmemoración do Día das Vítimas do Holocausto. A iniciativa serviu para reivindicar a figura destas tres mulleres ourensás que, durante a Segunda Guerra Mundial, desempeñaron un papel clave no rescate de máis de 500 persoas perseguidas polo nazismo.

O encontro, que contou cunha notable asistencia, converteuse nun espazo de lembranza e recoñecemento ao labor desenvolvido polas irmás Touza desde Ribadavia, onde formaron parte dunha rede clandestina que facilitou a fuxida de centos de persoas cara a territorio seguro. A súa actuación, marcada pola discreción e o compromiso humanitario, foi destacada como un exemplo de valentía e solidariedade nun dos períodos máis escuros da historia europea.

Durante o acto interviñeron distintas voces que puxeron o foco no valor histórico e humano do seu legado, subliñando a importancia de preservar a memoria democrática e de combater o odio, o racismo e a intolerancia. As persoas participantes coincidiron en sinalar que a actitude e o compromiso das irmás Touza seguen sendo unha referencia vixente para a sociedade actual.

Desde a organización inciden na necesidade de dar a coñecer este tipo de historias, especialmente entre as xeracións máis novas, como unha ferramenta fundamental para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, igualitaria e solidaria.

⚙ Configurar cookies
0.10107707977295