Ourense renova os Premios de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo
Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Liberdade de Prensa, a Deputación de Ourense vén de anunciar a renovación do Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, que na súa XXXIII edición terá dúas modalidades: un galardón á traxectoria dun profesional dos medios de comunicación e unha bolsa para estudantes que iniciaran o grado de Xornalismo.
As novas bases do premio, que deberá aprobar a Xunta de Goberno para despois facer a oportuna convocatoria, establecen que a partir desta edición o galardón vai ter como finalidade recoñecer a traxectoria profesional dun xornalista, tendo en conta para o fallo os seus vencellos persoais ou profesionais con Galicia, especialmente coa provincia de Ourense.
Para esta modalidade, cunha dotación económica de 4.500 euros, os integrantes do xurado poderán presentar ata tres candidaturas por cada un dos membros, propostas que se referirán a profesionais ou colaboradores habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos, audiovisuais ou dixitais.
Institucións, asociacións ou colectivos de calquera ámbito (económico, social, cultural ou deportivo, etc.), poderán tamén presentar as súas candidatura, nesta ocasión unha por entidade.
A segunda das modalidades ten por obxectivo premiar o mellor expediente académico daquela alumna ou alumno ourensán que cursara o primeiro ano do grao en Xornalismo no sistema público universitario español, correspondente ao ano académico 2022-2023. Con este fin promóvese a Bolsa Xosé Aurelio Carracedo, dotada con 3.000 euros.
O xurado estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense e actuarán como vogais un representante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; un representante da Federación de Asociacións de Periodistas (FAPE); un representante da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; e un representante da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo.
O Premio Xosé Aurelio Carracedo de Xornalismo, que organiza a Deputación de Ourense, foi instaurado como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, en defensa dun xornalismo de calidade.