Ourense será a primeira provincia galega en contar cunha cartografía actualizada e detallada

OurenseXa
Con esta ferramenta, a provincia situarase á vangarda ao dispor da totalidade do seu territorio representado cun alto nivel de detalle
presentacin-cartografia-ourense
13 Nov 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia está a ultimar os traballos para que Ourense se converta, a comezos de 2026, na primeira provincia galega en contar cunha cartografía completamente actualizada e de alta precisión. Esta ferramenta, explicou, será de grande utilidade tanto para as administracións como para as empresas e a cidadanía.

Durante a presentación da nova cartografía a escala 1:5000, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, a conselleira explicou que, no marco do Plan Galicia BTG 5k e cun investimento superior a 1,2 millóns de euros, elaborouse o mapa detallado de máis de 617.000 hectáreas que abranguen 80 concellos da provincia. Con estes traballos complétase a cobertura cartográfica de Ourense, xa que os 12 municipios restantes xa contaban previamente cunha cartografía a esta mesma escala.

Deste xeito, sinalou Ángeles Vázquez, Ourense sitúase á vangarda ao dispor da totalidade do seu territorio representado con este nivel de detalle.

A conselleira destacou que esta actualización permitirá dispoñer dunha información territorial moito máis precisa, o que facilitará a toma de decisións en ámbitos como o urbanismo, a mobilidade, a xestión de emerxencias ou a planificación de infraestruturas e equipamentos públicos. Grazas a esta nova base cartográfica, será posible definir con maior exactitude áreas de crecemento urbano, zonas verdes ou terreos reservados para futuros servizos.

No ámbito das infraestruturas, dispor de datos reais permitirá planificar con maior eficacia as redes viarias, os sistemas de abastecemento e saneamento, a iluminación pública ou o despregamento de fibra óptica, reducindo erros, custos e prazos de execución.

Así mesmo, en situacións de emerxencia como incendios, inundacións ou accidentes, os equipos de rescate poderán contar con información topográfica actualizada para planificar accesos e puntos de encontro, mellorando os tempos de resposta e reducindo os riscos para a poboación.

A conselleira tamén subliñou que unha cartografía máis detallada contribuirá a unha mellor protección do patrimonio e do medio ambiente, xa que facilitará a delimitación de zonas forestais, leitos fluviais ou xacementos arqueolóxicos, e permitirá detectar usos indebidos ou verteduras en áreas sensibles.

En paralelo, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), continúa a desenvolver outras actuacións en materia cartográfica, entre elas a ampliación dos visores e aplicacións técnicas dispoñibles para o público. Estas ferramentas permiten consultar e descargar datos territoriais esenciais para a xestión administrativa e a planificación técnica.

Ademais, prevese a actualización do Plan Galego de Cartografía e Información Xeográfica, co obxectivo de poñer á disposición das administracións públicas, das empresas e da cidadanía datos espaciais homoxéneos, coherentes, accesibles e de calidade.

⚙ Configurar cookies
0.071757078170776