Ourense será a sede da nova Área de Turismo Termal da Xunta
“Galicia é a primeira potencia termal de España, en gran parte grazas a Ourense que é a segunda cidade europea con máis fontes termais, por iso a Xunta vén de crear a Área de Turismo Termal, con sede en Ourense que ten como principal obxectivo a proxección exterior de Galicia como un referente no termalismo”; deste xeito principiou a súa intervención o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, na clausura do ‘V Congreso Internacional da Auga’ titulado A auga como recurso sostible: ciencia, empresa e benestar.
Salientou o delegado territorial que o turismo termal en Galicia é un dos produtos turísticos con maior grao de especialización e singularidade. “Con maior capacidade de desestacionalización da demanda e con poder para a captación de máis segmentos de público, cun gran atractivo para a articulación de oferta turística combinada con outros produtos ou servizos relacionados co patrimonio cultural, natural, enogastronómico e deportivo”; manifestou.
Lembrou, ademais que este mesmo xoves o presidente da Xunta anunciaba en Termatalia unha nova liña de axudas de ata 8 millóns de euros destinados a modernizar e mellorar as instalacións termais e que forma parte dun plan específico máis amplo para potenciar este sector en Galicia.
O delegado territorial puxo en valor o Campus da Auga “como un centro de referencia e excelencia científica, con capacidade de proxección exterior e de creación de valor económico e social como motor de desenvolvemento territorial na provincia”.
“Entendo -continuou Manuel Pardo- que se queremos medrar e avanzar na excelencia universitaria, temos que apostar firmemente pola colaboración e a especialización intelixente, e esa singularidade estratéxica é a que representa o Campus Auga porque conecta directamente co territorio e cos seus recursos endóxenos”.
Para Manuel Pardo, o Campus Auga supón unha das maiores apostas pola investigación do Sistema Universitario de Galicia, da Universidade de Vigo e da propia cidade de Ourense na que a Xunta leva investidos preto 16 millóns de euros, para convertelo nunha das sinerxías científicas de Ourense, situando á cidade na vangarda europea da investigación e da innovación en torno a este recurso natural.
Tras agradecer ao Vicerreitor da Universidade de Vigo a súa presenza no acto, Manuel Pardo subliñou que o Campus da Auga xa está a potenciar a singularidade e a especialización que existe en Ourense arredor das temáticas da auga, aproveitando o seu potencial.
O delegado territorial sinalou que a especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos ten ao termalismo como punto de referencia, pero tamén contempla nos seus propósitos outros sectores como a industria da alimentación; pluralidade de miras que fai que traslade esas potencialidades ao ámbito académico e científico, converténdoas así en oportunidades de progreso social e económico para a cidade.
Neste sentido, o Campus da Auga supón avanzar nas misións fundamentais da Universidade nos nosos días, como son unha maior desenvolvemento da I+d+i e, a necesidade de transferencia dos seus froitos a sociedade.
O Campus da Auga foi o primeiro campus periférico especializado de Galicia. Unha aposta pioneira, atrevida e innovadora que vén de ser acreditado como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia, o que afonda no seu proceso de especialización e no fomento da investigación.
V Congreso Internacional da Auga
O ‘V Congreso Internacional da Auga’ titulado A auga como recurso sostible: ciencia, empresa e benestar forma parte do marco de estudo e investigación do Campus da Auga do Campus de Ourense da Universidade de Vigo e, do mesmo xeito que nas anteriores edicións, o obxectivo principal é ofrecer un punto de encontro para reflexionar e intercambiar coñecementos sobre aspectos significativos relacionados coa auga.
Esta edición, organizada pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, ten un carácter multidisciplinar, abordando aspectos específicos relacionados coa temática da auga, como o patrimonio da auga, a súa xestión nas empresas e o turismo, incluíndo aspectos da acuicultura e a xestión empresarial. así como o turismo deportivo e o termalismo. Ademais, exploraranse aspectos vinculados á economía circular, á responsabilidade social e aos obxectivos de desenvolvemento sostible no contexto dos recursos hídricos.
Dentro da temática xeral da auga, este V Congreso Internacional propón analizar diferentes liñas de investigación, nas que contará coa participación de destacados especialistas que, ademais de contextualizar o tema, exporán diferentes resultados ou modelos en forma de conferencia. . Investiga segundo os seguintes bloques temáticos: actividade turística e auga, termalismo, economía circular e empresa, economía e auga.