Ourense servirá de experimento nun proxecto piloto de refuxio climático

OurenseXa
Será a primeira cidade galega na que se recorra á plantación de árbores e a outras solucións naturais para combater os efectos do quecemento global
rua_paseo_ourense_recurso
Rúa do Paseo, Ourense
10 Apr 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo un encontro co alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, no que abordaron a colaboración entre a Xunta e o Goberno local para o deseño e execución dun proxecto piloto de refuxio climático na cidade ao que se destinará un investimento total de 450.000 euros.

Nesta acción conxunta, que se enmarca no Plan galego de refuxios climáticos, o Executivo galego aporta o financiamento e o concello deberá colaborar na elaboración do mapa de illas de calor e de refuxios climáticos na cidade de Ourense así como na creación de proxecto piloto de refuxio climático. Aínda que a capital ourensá será a primeira cidade na que se recorra á plantación de árbores e a outras solucións baseadas na natureza para combater os efectos do quecemento global, os resultados desta iniciativa trasladaranse despois ao resto de concellos galegos para que poidan avalialos e replicar o modelo ou adoptar solucións semellantes no seu ámbito de actuación.

O deseño do mapa de illas de calor e refuxios climáticos no municipio correrá a cargo da Universidade de Vigo -ao abeiro dun convenio subscrito coa Xunta con este fin- e o deseño e execución do proxecto piloto de refuxio climático corresponderá aos Executivos autonómico e local.

A responsable autonómica, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, explicou que o fin último é crear contornas amables e adaptar zonas urbanas coa aposta por máis espazos naturais e menos infraestrutura gris contribuíndo así a elevar o benestar da cidadanía.

O mapa que se vai elaborar en Ourense permitirá identificar cales son as illas de calor da cidade -as zonas coas temperaturas máis altas do concello-, os refuxios climáticos existentes -áreas frescas, verdes e con arborado que poidan ser empregadas pola poboación en episodios de temperaturas elevadas- e as zonas de preservación da biodiversidade, que poden coincidir co ámbito dalgún refuxio climático.

A conselleira incidiu en que esta información é especialmente importante para episodios de vagas de calor como as que se rexistran no verán e que impactan na saúde das persoas, especialmente naquelas que viven nas cidades polo efecto illa de calor, o fenómeno que se produce polo efecto da radiación solar e a súa multiplicación ao impactar no asfalto e no formigón.

Información compartida

Os resultados obtidos co desenvolvemento do proxecto piloto de Ourense poranse a disposición do resto de concellos co fin de que poidan avalialos e lles sirva de guía para facer algo semellante no seu territorio en caso de que o estimen oportuno. Este traballo complementará o que realice a Universidade de Vigo no desenvolvemento dunha metodoloxía para elaborar mapas de calor e localizar refuxios climáticos.

Deste xeito, estas ferramentas facilitarán aos Gobernos locais o deseño de proxectos de fomento das infraestruturas verdes en espazos urbanos e periurbanos para facer fronte aos efectos do cambio climático, iniciativas coas que poderían optar ademais ás axudas que convoca o Executivo galego neste eido.

A existencia de refuxios climáticos e a aposta polos espazos verdes é vital para contar con lugares frescos e zonas de sombra para acoller á poboación máis vulnerable. De feito, o deseño dos refuxios climáticos precisa dun enfoque integral que teña en conta a adaptación dos ecosistemas ao quecemento global e a mellora da calidade de vida da cidadanía coa habilitación de espazos verdes saudables e funcionais.

⚙ Configurar cookies
0.12190008163452