Ourense súmase ao Día Mundial da Diabetes con actividades de sensibilización e revisións gratuítas

A Asociación Diabética Auria celebra este venres o Día Mundial da Diabetes con actividades no Novo Edificio de Hospitalización do CHUO, onde se están a realizar medicións de glicosa e sesións informativas dirixidas a pacientes e persoal sanitario. A mesa informativa estará instalada no complexo dende as 12:00 horas.
A entidade tiña previsto, como xa é tradicional, instalar carpas conmemorativas na rúa do Paseo, pero a actividade tuvo que ser cancelada polo temporal. A rúa do Paseo tamén ía acoller o xogo educativo “O desafío da Diabetes”, un percorrido con once preguntas, desde a entrada de San Lázaro ata as carpas principais, para concienciar de maneira lúdica sobre a diabetes, a alimentación saudable e a importancia do exercicio físico.
Como peche da xornada, varios puntos emblemáticos da cidade, como a Ponte Romana, a rotonda de Concepción Arenal e a Subdelegación do Goberno, iluminaranse esta noite de cor azul, símbolo da loita contra a diabetes.