Ourense terá a súa I Feira Educativa no mes de abril

Ourense terá a súa I Feira Educativa no mes de abril, concretamente os días 2 e 3, converténdose nun espazo de innovación e colaboración educativa, un encontro único entre universidades e centros educativos que servirá para poñer en valor o traballo colaborativo entre a Deputación e a Xunta de Galicia para dar continuidade á orientación académica e facilitar unha adecuada elección na toma de decisións sobre o futuro profesional do alumnado.
A presentación deste evento pioneiro no eido educativo tivo lugar hoxe en Expourense, onde tamén se desenvolverá esta feira, “un lugar que sempre é o gran centro de referencia da nosa provincia”, tal e como destacou o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, quen matizou que esta iniciativa xorde da cooperación institucional para dar un espazo á mocidade onde recabar información e orientación cara o seu futuro, así como unha ferramenta para o persoal docente coa que establecer “redes e sinerxias” para o seu desempeño profesional. Tamén avanzou a importancia deste evento, “que non é puntual, xa que terá continuidade dado o éxito que se prevé nesta primeira edición”, destacando tamén “a excelencia do sistema educativo galego e do seu capital humano”.
O delegado territorial, Manuel Pardo, sinalou que “o importante é interactuar cos rapaces e rapazas e axudalos a decidir que facer co seu futuro, poñendo en valor o equipo docente do sistema educativo galego”. Tamén explicou que esta feira será “un escaparate marabilloso que aportará valor engadido á nosa sociedade”.
O xerente de Expourense, Rogelio Martínez, foi o encargado de aportar os datos técnicos deste evento, ao que cualificou de “espazo de experiencias” e convidou ás familias a que o aproveiten para axudar aos seus fillos e fillas a tomar as mellores decisións sobre o seu futuro académico e formativo.
Centros educativos e universidades participantes
Os centros educativos que participarán como espazos de innovación serán o CEIP O Couto, o CEEIP Plurilingüe Amadeo Rodríguez Barroso, o CEIP Roberto Blanco Torres, o CEIP Xoaquín Lourenzo Xocas, o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, o Centro de Formación e Recursos de Ourense, o CIFP A Carballeira, o CIFP A Farixa, o CIFP de Vilamarín, o CIFP Portovello, o Centro Residencial Docente de Ourense, así como os institutos de Educación Secundaria (IES) Blanco Amor, Ferro Couselo, O Ribeiro e Xesús Taboada Chivite.
No que atinxe ás universidades participantes, ademáis das tres universidades públicas galegas (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo e Universidade de A Coruña) así como a UNED en Ourense, tamén estarán o Centro de Estudios Superiores Aloya (Vigo), Universidad Nebrija (Madrid), Centro de Estudios Universitarios San Pablo (Madrid), Universidad Pontificia de Salamanca, Universidad Católica de Ávila, Universidad Intercontinental de la Empresa (Santiago de Compostela), Universidad Francisco de Vitoria (Madrid), Fuerzas Armadas, Grupo Educativo EFBS (A Coruña), Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia, CESUGA (A Coruña,) Centro Superior de Hostelería de Galicia (Santiago de Compostela), Universidad de Deusto, (Madrid/País Vasco), Schiller International University (Madrid), Universidad Europea (Madrid/Canarias/Valencia/Lisboa), U-Tad, Centro Universitario de Tecnología y Arte Digital (Madrid) e .Big Formación (Ourense).
Obxectivos
Os obxectivos fundamentais desta feira serán fomentar o intercambio de experiencias; a aprendizaxe colaborativa; e o fortalecemento das relacións entre os diferentes niveis educativos, promovendo a interacción entre universidades e centros educativos para fortalecer o desenvolvemento de boas prácticas pedagóxicas e a formación integral do alumnado.
Tamén buscará propiciar un encontro, onde universidades, centros de formación e outras institucións educativas, expoñan as súas ofertas académicas aos alumnos, familias e colexios, tratando de dar resposta ás necesidades de información sobre a oferta formativa e orientación.
Por último, tamén fixa como meta fomentar a colaboración entre docentes, estudantes e comunidades educativas para compartir experiencias, fortalecer o traballo en rede, crear un espazo de intercambio e impulsar a educación inclusiva e adaptada aos retos sociais e educativos do século XXI.