Ourense trasladará os seus programas de termalismo á Rede de Vilas Termais
O presidente da Deputación e presidente tamén da Red de Vilas Termais da FEMP, Luis Menor, mantivo hoxe unha reunión telemática de traballo cos representantes institucionais dos 77 concellos e 3 deputacións membros da Rede de Vilas Termais da FEMP.
Esta primeira reunión de traballo coa directiva e responsables técnicos da entidade serviu para constatar que a Rede de Vilas Termais engloba a 3,7 millóns de habitantes de toda España e en vindeiras datas incorporaranse os vocais membros da mesa para proceder á súa primeira reunión presencial, que terá lugar no mes de xuño en Guitiriz.
Tralo encontro, Menor destacou a necesidade de incrementar a representatividade desta rede, incorporando a máis membros, especialmente ás deputacións que prestan apoio a municipios que xa forman parte. Tamén destacou a concesión dunha subvención, dentro dos fondos europeos Next Generation, dotada cun millón de euros e que servirá para facer unha diagnose exacta dos asociados e dar solucións concretas ás súas problemáticas. Outro dos aspectos abordados foi a necesidade de impulsar melloras normativas e lexislativas no eido das augas mineromedicinais, así como potenciar o labor de comunicación no eido da Rede de Vilas Termais e colaborar cos membros desta rede e con outras administracións.
Luis Menor explicou que o protagonismo da Deputación de Ourense nesta rede é moi destacado, “dada a importancia fundamental que teñen as políticas termais que leva a cabo no seu territorio e a experiencia que atesora”, de aí que programas específicos da institución ourensá como os do termalismo social, o termalismo inclusivo ou da loita contra a soidade non desexada, “están considerados como exemplos de boas prácticas por parte desta rede, que se conxugan coa innovación administrativa que estamos levando a cabo para simplificar todos os trámites”.
Logo desta reunión inicial, Luis Menor recalcou que “desde a Deputación de Ourense estamos moi ilusionados con este mandato, preparados para esta importante carga de traballo e aproveitaremos esta oportunidade en beneficio de toda a provincia”.