Ourense Vinis Terrae pechou as súas portas consolidando os viños galegos no mercado internacional.

A feira profesional Ourense Vinis Terrae pechou este martes pola tarde a súa undécima edición, reafirmando o seu papel como plataforma clave para a internacionalización do viño galego. Durante dous días, 47 adegas participaron en máis de 800 reunións de negocio con 47 importadores e compradores procedentes de 18 países, un volume que confirma as boas expectativas do sector.
Ademais da misión internacional, máis dun milleiro de profesionais do mercado estatal –procedentes de sectores como a restauración, hostalería ou distribución– visitaron Expourense, o que multiplicou as oportunidades comerciais máis alá das axendas pechadas previamente.
Ourense Vinis Terrae consolídase como a única feira do viño galego que é 100 % profesional, 100 % de calidade e 100 % galega. O seu formato, centrado en entrevistas personalizadas cara a cara, continúa demostrando a súa eficacia como ferramenta para abrir mercados. Un sistema de citas online previamente xestionado filtra os intereses dos compradores e vincúlaos coa oferta concreta de cada adega, facilitando encontros de alto valor engadido.
Nestes encontros danse cita pequenos produtores de viños de calidade, centrados en variedades autóctonas e métodos tradicionais, con compradores internacionais que valoran esa orixe, autenticidade e perfil diferenciado para os seus respectivos mercados.
IV Cata Extraordinaria Ourense Vinis Terrae
Un dos momentos máis destacados desta edición foi a entrega de premios da IV Cata Extraordinaria Ourense Vinis Terrae, dirixida pola sumiller galega Mercedes González e valorada por un xurado composto por expertos de diferentes denominacións de orixe e enólogos de distintos puntos do Estado.
A clausura oficial e entrega de premios contou coa presenza da directora xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, María Xosé Gómez Rodríguez, en representación da Consellería do Medio Rural. Na súa intervención destacou que o viño “é un dos mellores embaixadores da excelencia de Galicia” e subliñou o compromiso do sector co desenvolvemento do medio rural.
PREMIOS
Viños brancos
1º premio: “988 Godello” (2024) – Adega Vella Xeracións (D.O. Ribeira Sacra)
2º premio: “Vía Barrosa Treixadura” (2020) – Viña Costeira (D.O. Ribeiro)
3º premio: “Vía Arxéntea Branco” (2024) – Vía Arxéntea (D.O. Monterrei)
Viños tintos
1º premio: “El Tinto de Candela y Valentina” (2024) – Casal do Canteiro (D.O. Ribeiro)
2º premio: “Terras Mancas Tinto” (2024) – Adega Terras Mancas (I.X.P. Val do Miño)
3º premio: “Casa Moreiras Mencía” (2024) – Casa Moreiras (D.O. Ribeira Sacra)
Outras anadas
1º premio: “Viladequinta” (2020) – Adega O Cabalín (D.O. Valdeorras)
2º premio: “Pedranai” (2022) – Bodegas Santiago Roma (D.O. Rías Baixas)
3º premio: “Viña Peón Amandi” (2022) – Bodegas Mauricio Lorca (D.O. Ribeira Sacra)
Con esta clausura de Ourense Vinis Terrae, Expourense pecha o seu calendario feiral do primeiro semestre de 2025. A actividade no recinto continuará durante o mes de xuño con outros eventos destacados, entre eles a 58ª edición do Rallye de Ourense.