Ourense Vinis Terrae regresa a Expourense do 2 ao 3 de xuño

OurenseXa
O XI Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade contará coa participación de 47 adegas expositoras
ourense-vinis-terrae-presentacion
Presentación de Ourense Vinis Terrae 2025
27 May 2025

Ourense Vinis Terrae celebrarase os días 2 e 3 de xuño, consolidado como o único salón exclusivamente profesional e dedicado aos viños autóctonos. De carácter bienal, o Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade celebra a súa undécima edición, que contará coa participación de importadores e compradores de 18 países, que terán a oportunidade de coñecer as últimas colleitas das adegas expositoras, todas elas adscritas ás cinco Denominacións de Orixe presentes, sendo catro delas da provincia de Ourense (Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra, Valdeorras). A estas únense a D.O. Rías Baixas e as IXP de Viños de Galicia como Val do Miño e Betanzos. Esta edición contará coa participación de 47 adegas expositoras.

Os datos de participación desta nova edición de Ourense Vinis Terrae foron presentados esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron o delegado territorial da Xunta de Galicia e presidente do comité executivo de Expourense, Manuel Pardo Cid; o deputado provincial de Ourense, Jorge Pumar Tesouro; e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.

Durante este acto destacouse que Ourense Vinis Terrae se converteu nunha ferramenta de internacionalización ao servizo das pequenas e medianas empresas galegas, facilitando a exportación a mercados aos que sería máis complicado acceder polos canais habituais. O contacto directo entre os produtores (na maioría microempresas) e os importadores xera novas oportunidades no mercado exterior. Esta nova edición do salón abrirá aos viticultores novos canais de mercado máis aló do canal HORECA e contribuirá á internacionalización dun sector punteiro con gran arraigo en Ourense e Galicia, posicionando o seu patrimonio varietal. Participan nesta edición desde adegas de pequenos produtores ou “colleiteiros” ata grandes grupos bodegueiros.

Este salón pon en contacto directo aos 47 expositores con importadores procedentes de 18 países (Alemaña, Bélxica, Costa Rica, Dinamarca, España, Estados Unidos, Estonia, Filipinas, Finlandia, Irlanda, Italia, Noruega, Países Baixos, Polonia, Reino Unido, República Checa, Suecia e Suíza).

O programa de actividades inclúe a celebración da IV Cata Extraordinaria Ourense Vinis Terrae, na que participarán os viños das adegas expositoras no salón. Esta cata contará cun xurado profesional no que participarán representantes das asociacións de enólogos, sumilleres e catadores de distintas partes de España. A entrega de premios desta cata terá lugar o martes 3 de xuño ás 17.30 horas en Expourense.

Esta edición de Ourense Vinis Terrae volverá contar cun Túnel do Viño, Licores e Augardentes, un escaparate que ofrecerá aos visitantes e expositores un espazo no que se expoñerán 104 referencias de todas as denominacións de orixe de Galicia presentes no salón. O obxectivo é que os profesionais poidan coñecer os distintos viños presentes e, deste xeito, os compradores terán a posibilidade de coñecer un maior número de referencias, ademais das que xa coñecerán a través da súa axenda de citas.

Ourense VINIS TERRAE abrirá as súas portas os días 2 e 3 de xuño en horario de 10:00 a 18:00 horas. A acreditación profesional, de carácter gratuíto, pode realizarse a través da web (www.vinisterrae.es) ou directamente no recinto feiral.

Organizado por Expourense, Ourense Vinis Terrae 2025 conta co apoio fundamental da Xunta de Galicia a través da Axencia de Calidade Agroalimentaria (AGACAL), adscrita á Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, e da Deputación Provincial de Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.17757987976074