Un estudante do IES As Lagoas logra a medalla de prata na Olimpíada Matemática Mundial en Australia

O estudante de 4º da ESO do IES As Lagoas, Pablo Freire Fernández, logrou unha das medallas de prata colectivas na Olimpíada Matemática Mundial celebrada recentemente en Australia, destacando como o mellor representante do equipo nacional español.
Con tan só 16 anos, Pablo foi quen de resolver catro dos seis problemas propostos nunha das competicións máis esixentes do panorama internacional, o que o situou entre o 20% dos participantes con mellores resultados. A súa actuación serviu para poñer en valor o potencial académico da mocidade ourensá, cunha traxectoria que xa destacara nas olimpíadas matemáticas a nivel estatal.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Educación, Tamara Silva, recibiron este luns ao estudante na Casa do Concello para felicítalo polos seus logros.“É un orgullo para Ourense contar con mozos coma Pablo, que demostran que a paixón, talento, traballo e constancia dan os seus froitos a nivel mundial. A súa medalla colectiva de prata é un exemplo e unha inspiración para todos os estudantes da nosa cidade”, destacou o rexedor.
A delegación española obtivo dous pratas, dous bronces e unha mención de honra, todos eles recoñecementos colectivos, o que reflicte o alto nivel da representación nacional. Pablo estivo, segundo el mesmo explica, a piques de acadar unha medalla de ouro, que se lle escapou por pouco: a resolución dun quinto problema podería ter sido posible cunha mellor adaptación ao horario australiano, circunstancia que outras delegacións xestionaron cunha estancia máis prolongada previa á competición.
Para chegar a este obxectivo, Freire adestrou unhas catro horas diarias durante o curso, e nas vacacións aumentaba o ritmo ata dez horas ao día. Esta disciplina permitiulle chegar en plena forma á competición internacional. Con todo, asegura que será difícil manter este nivel de dedicación ao comezar o Bacharelato. Subliñou a necesidade dun sistema que permita compatibilizar os estudos ordinarios coa preparación en ámbitos de alto rendemento intelectual, como xa existe no caso do deporte.
Pablo Freire continúa a súa andaina matemática con novos retos: no mes de setembro representará novamente a España na Olimpíada Iberoamericana, que se celebrará en Chile.