Pablo Graña optará á presidencia do PP de Xunqueira de Espadanedo

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O tamén alcalde do municipio presentará a súa candidatura no congreso que se celebrará o vindeiro 21 de marzo
pablo-graña-alcalde-xunqueira-de-espadanedo
21 Feb 2026

O Partido Popular vén de proclamar as cinco candidaturas que concorrerán á presidencia das agrupacións locais de Larouco, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Lobios e Muíños, no marco dos congresos convocados na provincia de Ourense.

No caso de Xunqueira de Espadanedo, Pablo Graña Rodríguez será o único aspirante á dirección local do partido. O tamén alcalde do municipio presentará a súa candidatura no congreso que se celebrará o vindeiro 21 de marzo ás 12.00 horas no salón de actos do Concello.

As persoas candidatas nas distintas agrupacións poderán desenvolver a súa campaña electoral interna ata o día 27 deste mes, segundo o calendario establecido pola organización.

Ademais de Graña en Xunqueira de Espadanedo, Patricia Lamela Rodríguez concorrerá como única candidata en Larouco —onde o congreso terá lugar o 7 de marzo ás 12.00 horas no salón de actos municipal—; María del Carmen Yáñez Salgado fará o propio en Lobios, co congreso previsto para o 27 de marzo ás 19.30 horas no edificio multiusos; Antonio Iglesias Álvarez será o candidato en Lobeira, cunha convocatoria fixada para o 10 de abril ás 19.30 horas no local Alero; e Israel León Rodríguez optará á presidencia en Muíños, onde o conclave se celebrará o 18 de abril ás 18.30 horas no complexo do Corgo.

A comisión organizadora destes cinco congresos está presidida por Miguel Ángel Viso, con Cristina Romero na vicepresidencia, Francisco Fernández Padín como secretario, e Alejandro Pérez e Adriana Álvarez como vogais.

0.082221984863281