Pablo Graña toma posesión á fronte da alcaldía de Xunqueira de Espadanedo

O municipio de Xunqueira de Espadanedo conta con novo rexedor. Pablo Graña Rodríguez (1992) tomou posesión do cargo este martes tras a renuncia de Carlos Gómez, que deixa a alcaldía despois de doce anos á fronte do Concello.
Graña, que levantou o bastón de mando no pleno celebrado este luns, subliñou que representar ao seu municipio supón o “máximo orgullo” da súa vida política, “permitíndome loitar por mellorar a calidade de vida dos meus veciños”. O novo alcalde avanzou que manterá unha “liña sucesoria” de goberno e sinalou como prioridade o proxecto da residencia, que “esperamos ter adxudicado neste mandato”. Tamén destacou entre os seus obxectivos as iniciativas para atraer e fixar poboación no rural, coa meta de recuperar os 800 habitantes que tivo no pasado.
Carlos Gómez Blanco, que accedeu á alcaldía en 2011 e a revalidou con maioría absoluta en sucesivos mandatos, seguirá na corporación como concelleiro, atendendo á petición do seu grupo de goberno.
O presidente provincial do Partido Popular, Luis Menor, asistiu ao pleno de investidura e trasladou o seu apoio ao novo alcalde. Na súa intervención, recalcou que os bos resultados do traballo de Graña “contribuirán tamén a fortalecer o Partido Popular non só a nivel local, senón tamén no conxunto da provincia”.
Menor puxo en valor a traxectoria do novo rexedor, con máis de dez anos de experiencia como concelleiro, e vinculouno á renovación que busca o partido, e agradeceu ao seu predecesor, Carlos Gómez, o “gran traballo” desenvolvido durante catorce anos na alcaldía, do que destacou a “fonda pegada” deixada na veciñanza e a súa “xenerosidade” ao seguir no goberno municipal nun segundo plano, demostrando que “o seu compromiso con Xunqueira está por riba de todo”.