Pazolandia pecha o seu 30 aniversario con preto de 26.000 visitantes no Paco Paz

OurenseXa
O parque de lecer familiar do Nadal en Ourense sumou 25.578 accesos, reforzou a súa aposta pola inclusión e atraeu familias chegadas de Galicia e doutras provincias como Madrid, Sevilla ou Barcelona
PAZOLANDIA
7 Jan 2026

Pazolandia botou o peche á súa edición do 30 aniversario cun balance “moi positivo” no Pazo dos Deportes Paco Paz, en Ourense. Durante as festas pasaron polo parque de atraccións familiar 25.578 persoas, unha cifra que rolda os 26.000 usuarios, confirmando a boa acollida dunha cita xa consolidada no calendario do Nadal galego.

O Servizo de Deportes da Deputación sinalou a “crecente presenza” de familias chegadas de fóra de Galicia, tanto de persoas que elixen Ourense para as súas vacacións como de quen regresa ás súas raíces nestas datas. Nesta edición contabilizáronse visitantes procedentes de Madrid, Sevilla, Zaragoza, Valencia, Toledo, Bilbao, Barcelona, Ceuta e Oviedo, ademais de público chegado de toda a comunidade.

A participación dos concellos volveu ser clave. Preto de 3.000 asistentes acudiron a través de excursións organizadas polos seus municipios (foron 2.826 entradas por esta vía), con 62 concellos implicados nesta modalidade. Ademais, máis do 90% dos concellos da provincia tiveron presenza no evento, con asistentes procedentes de 85 concellos ourensáns.

No capítulo social, Pazolandia tamén contou con público de centros e entidades convidadas, cun total de 2.877 persoas de colectivos como Amigos da Barrela, Fundación Morea, Fundación Meniños, Cáritas, Cruz Vermella, Amencer ou As Burgas, entre outros.

Segundo as enquisas realizadas durante o evento, as familias destacaron o alto nivel de satisfacción, nun formato que inclúe actividades para cativos desde os 12 meses, con espazos e instalacións adaptadas ás distintas idades. No acceso, volveu sobresaír a compra por internet: 14.249 entradas adquiríronse mediante venda online, case tres de cada catro.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, subliñou “a importancia de impulsar iniciativas que cheguen a todo o territorio”, co obxectivo de “garantir que ningún neno quede atrás, viva onde viva”, e remarcou o compromiso provincial con propostas que fomentan “o lecer en familia e a conciliación” durante o Nadal. A edición 2026 puxo tamén o foco na inclusión, con actividades adaptadas para rapaces e rapazas con diferentes capacidades.

⚙ Configurar cookies
0.084178924560547