Pereiro de Aguiar avanza cara a un modelo de xestión de residuos máis sostible

OurenseXa
O novo sistema céntrase na compostaxe comunitaria e doméstica, con solucións adaptadas ás necesidades das distintas zonas
compostaxe-recurso
16 Feb 2026

O Concello de Pereiro de Aguiar iniciou unha serie de reunións informativas para dar a coñecer á veciñanza o novo sistema de xestión de residuos do municipio. O alcalde, Luis Menor, acompañado de técnicos da Deputación de Ourense, explicou que o plan adapta as solucións á diversidade do concello, establecendo medidas diferenciadas segundo o tipo de produtor e a zona na que se atope.

No caso dos grandes produtores habilitarase un quinto contedor de cor marrón, mentres que nos núcleos rurais fomentarase a compostaxe doméstica, tamén coñecida como “Km 0”. Para as urbanizacións, implantarase un sistema de compostaxe comunitaria con tarxeta de usuario. Segundo destacou o alcalde, a clave do novo modelo é que as persoas que reciclen correctamente recibirán descontos na taxa de residuos, cunha redución do 30 % pola compostaxe e un 10 % adicional se se utiliza o Punto Limpo.

Desde o Concello subliñan que esta iniciativa busca facer de Pereiro de Aguiar un municipio máis sostible e eficiente, promovendo boas prácticas ambientais adaptadas ás necesidades de cada zona do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.082175016403198