Pereiro de Aguiar celebrará o Entroido con obradoiros e un desfile

O Concello de Pereiro de Aguiar anunciou a programación oficial para a celebración do Entroido 2026, que inclúe obradoiros para os máis pequenos e o tradicional desfile de disfraces, aberto a todos os públicos.
Para comezar co programa, o día 5 de febreiro ás 17:30 horas haberá un Obradoiro de Compadres, mentres que o día 12 será o turno do Obradoiro de Comadres, á mesma hora. Ambos se desenvolverán na Biblioteca.
O punto culminante será o desfile de Entroido, que terá lugar o sábado 14 de febreiro ás 17:30 horas. As inscricións para participar estarán abertas ata o 10 de febreiro e poderán realizarse a través do formulario dispoñible na páxina web oficial do Concello.
O concurso do desfile dividirase en varias categorías para adaptarse a todos os tipos de participantes: comparsas con máis de 20 persoas, comparsas de entre 3 e 20 participantes, individuais ou parellas, e unha categoría infantil destinada aos máis pequenos.
Os premios outorgaranse segundo a categoría e a posición acadada, destacando un primeiro premio de 500 euros para a comparsa gañadora de máis de 20 integrantes. Ademais, a categoría infantil recibirá vales para xoguetes, e todos os participantes que non resulten premiados poderán acceder a axudas económicas como recoñecemento ao seu esforzo e participación.