Pereiro de Aguiar chama a veciñanza a participar este venres no acto conmemorativo polo 8M

O Concello do Pereiro de Aguiar únese un ano máis á conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, baixo o lema global de ONU Mulleres: “Dereitos. Xustiza. Acción. Para todas as mulleres e nenas”. Esta edición pretende poñer en valor a figura das antecesoras que fixeron posibles os dereitos actuais, ao mesmo tempo que lembra a responsabilidade de continuar avanzando en novas conquistas para as novas xeracións.
Para celebrar a data, o Concello convoca a toda a veciñanza a participar nun acto conmemorativo que terá lugar o venres 13 de marzo, ás 12:00 horas, no Parque da Igualdade (Cachamuíña), sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. Durante a xornada, os escolares do municipio relatarán historias e poñerán en valor o papel da muller na sociedade, reivindicando a igualdade e a xustiza desde unha idade temperá.
O Concello destaca que este 8M serve para lembrar que os dereitos non son conquistas estáticas, senón que deben protexerse e ampliarse continuamente, garantindo que cada muller poida decidir sobre a súa vida e o seu futuro sen barreiras nin discriminacións. Tamén se subliña a importancia da xustiza para as mulleres, que pasa por eliminar a fenda salarial, recoñecer o valor dos coidados e garantir unha vida libre de violencia machista. Neste sentido, o Centro de Información á Muller (CIM) traballa activamente para ofrecer un espazo de seguridade e apoio a todas as mulleres do municipio.
O lema deste ano subliña tamén a necesidade de pasar á acción, promovendo políticas públicas que fomenten a conciliación, a participación activa das mulleres no ámbito rural e económico, e a educación en igualdade para que as nenas de hoxe sexan mulleres libres no futuro. O manifesto do Concello está dirixido a todas: ás maiores, que son custodias da memoria colectiva; ás mulleres rurais que sosteñen o territorio; ás traballadoras, ás estudantes e a todas as nenas que soñan cun mundo máis xusto.
O Concello do Pereiro de Aguiar reafirma que “a igualdade non é unha opción, é unha necesidade de xustiza social” e anima a toda a veciñanza a pasar “á acción por todas e cada unha de nós”, consolidando o compromiso coa igualdade e coa visibilización do papel das mulleres na sociedade.