Pereiro de Aguiar continúa coa rehabilitación da casa de Ben Cho Shey

OurenseXa
As obras entraron xa na segunda fase, que permitirá restaurar muros e estrutura, renovar cubertas e carpinterías, e poñer en valor o inmoble como centro de memoria e difusión do legado do mestre
Casa de Ben Cho Shey en Pereiro de Aguiar
Casa de Ben Cho Shey
11 Oct 2025

Concello de Pereiro de Aguiar continúa cos traballos de rehabilitación da casa onde residiu durante máis dunha década o intelectual Xosé Ramón Fernández Oxea, máis coñecido como Ben Cho Shey.

O proxecto de recuperación deste inmoble histórico está a ser posible grazas á colaboración de varias administracións. A primeira fase, financiada polo Concello de Pereiro de Aguiar e a Deputación de Ourense con 40.000 euros, centrouse no saneamento do edificio, a impermeabilización, a dotación de servizos básicos e a creación de espazos diáfanos para acoller exposicións sobre a vida e obra de Ben Cho Shey.

Agora, as obras entraron xa na segunda fase, que permitirá restaurar muros e estrutura, renovar cubertas e carpinterías, e poñer en valor o inmoble como centro de memoria e difusión do legado do mestre.

Dita fase conta cun investimento de 115.000 euros da Xunta de Galicia, dentro dun orzamento total de 215.000 euros, e permitirá completar a rehabilitación estrutural e estética da casa. O obxectivo é consolidar o inmoble como un lugar de referencia para conservar e difundir a memoria e o legado cultural do mestre, que tamén impartiu clases na escola de Caspiñón, en Santa Marta de Moreiras, e escribiu unha monografía sobre a parroquia.

Trátase dun dos proxectos culturais máis destacados actualmente de Pereiro de Aguiar, que busca combinar patrimonio, cultura e memoria colectiva.

⚙ Configurar cookies
0.073725938796997