Pereiro de Aguiar convoca o VI Concurso de Marcapáxinas polo Día do Libro

O Concello de Pereiro de Aguiar, a través da Área de Cultura e da Biblioteca Municipal, convoca o VI Concurso de Marcapáxinas con motivo da celebración do Día do Libro, o 23 de abril.
O certame está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 15 anos, que se dividirán en tres categorías: de 3 a 6 anos, de 7 a 10 anos e de 11 a 15 anos. Cada participante poderá presentar un máximo de dous traballos, e a participación implica a aceptación das bases.
En canto ao formato, os marcapáxinas deberán ter unhas medidas de 5x20 cm, cun deseño realizado por unha das caras. Na parte traseira deberá figurar un pseudónimo identificativo, xunto coa idade.
Os traballos presentaranse de maneira presencial na Biblioteca Municipal ata o 21 de abrol, en horario de luns a venres de 9:45 a 13:30 horas e de 16:00 a 19:45 horas. Á hora de avaliar os marcapáxinas, o xurado terá en conta a orixinalidade, a imaxinación, a estética, a técnica empregada e o resultado final. O xurado será designado pola organización e o fallo farase público o 23 de abril, comunicándose tamén por vía telefónica aos premiados e a través da web e redes sociais do Concello.
Nesta edición seleccionaranse un total de 18 marcapáxinas gañadores, seis por cada categoría. Os traballos premiados serán impresos e distribuídos nos centros educativos, ademais de estar dispoñibles na Biblioteca Pública do Pereiro de Aguiar para o seu uso polos usuarios.