Pereiro de Aguiar impulsa a creación dun grupo de pandeireteiras e trebellos no concello

OurenseXa
A iniciativa está destinada a toda a veciñanza de máis de 16 anos e ten como obxectivo poñer en valor o papel da muller rural na cultura e na tradición
instrumentos-pandeiretas
17 Dec 2024

O concello do Pereiro de Aguiar, a través da Concellería de Cultura e en colaboración co Centro de Información a Muller vén a impulsar a creación dun grupo de pandeireteiras e pandeireteiros comprometidos coa música tradicional popular galega.

Así o informou o alcalde, Luis Menor, a través dun comunicado no que puxo en valor esta iniciativa “como reflexo da nosa sociedade dende a perspectiva de xénero”.

As clases, explican desde o Concello, estarán a cargo da Escola de Música Iván Carballo, e nelas os e as participantes aprenderán a tocar con pandeireta as pezas traballadas, introducindo tamén unha pequena percusión (cunchas, sacho, botellas de anís, piñas…). Sinalan que, desta forma, “ninguén estará na obriga de mercar unha pandeireta se non lle presta”.

As persoas participantes descubrirán durante o curso “coplas tradicionais que as mulleres usaron ao longo da historia galega para protexerse, analizando as metáforas empregadas neses códigos de comunicación entre as mulleres e escribiremos coplas novas que nos identifiquen na actualidade”, sinala o alcalde. O obxectivo, explica, “é enxalzar o papel da muller rural empodeirada das nosas aldeas, da muller que foi quen de preservar o noso patrimonio inmaterial e de compoñer coplas coas que transmitir os seus pensamentos e inquedanzas”.

As clases están pensadas para toda a veciñanza en idades comprendidas entre os 16 aos 100 anos, mesturando xéneros e xeracións, tendo unha hora de duración, un día á semana, en horarios a determinar entre as 18:00 e as 20:00 horas.

⚙ Configurar cookies
0.044469118118286