Pereiro de Aguiar pon en marcha un plan de melloras en eficiencia enerxética e infraestruturas viarias

OurenseXa
Renovaranse máis de 1.300 puntos de luz por tecnoloxía LED en todas as parroquias do municipio e acondicionarase a rede viaria local
renovacion-luminarias-pereiro
21 May 2025

O Concello de Pereiro de Aguiar vén de poñer en marcha un novo plan de obras que se desenvolverá nos vindeiros meses e que inclúe actuacións centradas na mellora da eficiencia enerxética e na renovación de viais municipais, así como nas infraestruturas de diferentes pobos da localidade.

Segundo informou o alcalde, Luis Menor, as primeiras obras xa comezaron esta semana, coincidindo coa mellora das condicións meteorolóxicas.

Renovación do alumeado público

No apartado enerxético, o proxecto máis destacado é a renovación de máis de 1.300 puntos de luz por tecnoloxía LED en todas as parroquias do municipio. Esta actuación conta cun investimento superior a 1,1 millóns de euros, financiados polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).

Esta mellora permitirá, segundo destacou Menor, reducir de forma significativa o consumo eléctrico, avanzar na loita contra o cambio climático e mellorar a calidade do alumeado público, á vez que se reduce o gasto na factura da luz.

Mellora da rede viaria

Paralelamente, comezan tamén as actuacións incluídas nun plan de melloras en estradas e camiños municipais, cun orzamento que supera os 400.000 euros. O obxectivo é actuar en diversos puntos do municipio, atendendo así ás peticións formuladas polos veciños nos últimos meses.

Este plan permitirá renovar e acondicionar a rede viaria local, mellorando a seguridade e accesibilidade en múltiples núcleos de poboación.

O alcalde subliñou que “con estes importantes plans continuamos traballando no noso obxectivo primordial: a mellora dos servizos que lle prestamos aos veciños para reforzar a súa calidade de vida”.

Luis Menor tamén asegurou que, malia a relevancia da inversión actual, “sabemos que queda moito por facer e seguiremos loitando coa mesma forza para acadar máis melloras”.

⚙ Configurar cookies
0.13204789161682