Pereiro de Aguiar prepárase para a III San Silvestre Solidaria a favor de Down Ourense

O Concello de Pereiro de Aguiar organiza, a través da Consellería de Deporte e Xuventude e co patrocinio da Deputación de Ourense e do Centro Comercial Pontevella, a III edición da San Silvestre Solidaria, que se celebrará o próximo 31 de decembro de 2025.
A carreira comezará ás 16:30 horas coa saída desde a Praza do Concello, percorrendo aproximadamente 5 quilómetros arredor do encoro, coa chegada tamén na Praza do Concello. Antes da saída, ás 16:00 horas, realizarase o reparto de dorsais.
Tras a proba, ás 17:15 horas, haberá unha chocolatada, bica e un sorteo para os participantes.
Para formalizar a inscrición e obter o dorsal, solicítase colaborar coa asociación Down Ourense achegando material de oficina e escolar, como cartulinas, bolígrafos, rotuladores, celo, pegamento ou pinturas, así como xogos sinxelos e visuais como cartas, dominó, parchís ou oca.
Ademais, os primeiros 150 inscritos recibirán un agasallo sorpresa e sortearanse cinco entradas dobres para o cine no Centro Comercial Pontevella.