Persoal do CHUO presenta unha guía clínica na que colaboran preto de 200 médicos de Ourense

O Hospital Universitario de Ourense acolleu este martes a presentación do proxecto “Libro do Peto. 2ª Edición”, co obxectivo de dar a coñecer esta Guía de Diagnóstico e Tratamento en Medicina Hospitalaria na que participaron preto de 200 médicos de todas as especialidades, e sumar novos colaboradores para desenvolver a súa segunda edición actualizando os contidos e a propia App.
O acto contou coa participación de Elena Cuenca Fito, especialistas de Medicina Intensiva, Juan José Soler, xefe do Servizo de Medicina Interna, Carlos Salgado Salgado, secretario do proxecto e José Luis Sastre Moral, xefe do servizo de Hematoloxía e promotor da primeira edición de 2014, desta ferramenta “de peto” para facilitar a práctica diario dos médicos no ámbito hospitalario.
Na segunda edición, que se atopa actualmente en desenvolvemento, o obxectivo é actualizar os contidos existentes e incorporar novas áreas de coñecemento, acordes coa evolución da práctica clínica, e as necesidades actuais da asistencia hospitalaria, desde o local ao universal, para facilitar o acceso rápido a contidos esenciais, para o manexo inicial das patoloxías máis prevalentes dos pacientes hospitalizados.
Na súa primeira edición, o manual contaba con ao redor de 90 capítulos e máis de 800 páxinas, recollendo os contidos fundamentais para a asistencia clínica hospitalaria. Trátase dun libro recomendable para médicos de calquera especialidade, xa que permite coñecer os aspectos básicos doutras áreas e realizar unha primeira aproximación diagnóstica e terapéutica.
Por áreas temáticas recolle enfermidades cardiovasculares, respiratorias, hematolóxicas, dixestivas, infecciosas, endocrino-metabólicas e nutrición, xinecolóxicas, neurolóxicas e oncoloxía médica, nefroloxía e alteracións hidro-electrolíticas, reumatoloxía, radiodiagnóstico, psiquiatría... é dicir todas as especialidades médicas –non cirúrxicas- e os procesos máis prevalentes en Ourense.
Os contidos do “libro” son accesibles por medio dunha aplicación móbil gratuíta, dispoñible na Play Store, desenvolvida polo estudo galego Ailalelo. Pensada para garantir a rápida accesibilidade e usabilidade, é moi sinxela, cun índice que guía ao usuario polo libro dixital e facilita a localización rápida da información.
Ademais, a aplicación dispón dun botón de favoritos, que permite marcar os temas máis habituais e acceder a eles de forma inmediata, mellorando a eficiencia na práctica clínica diaria.
Nesta nova etapa, o Libro do Peto busca consolidarse novamente como un proxecto colectivo e colaborativo, aberto á participación de profesionais sanitarios interesados en contribuír á creación dunha ferramenta útil, actualizada e adaptada á realidade da medicina hospitalaria actual.