Pontedeva recibiu unha achega de preto de 85.000 euros para mellorar o acceso ao polígono industrial

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá, acompañado do alcalde, Juan Carlos González, o parque empresarial de Pontedeva, ao que a Consellería de Economía e Industria destinou preto de 85.000 euros para mellorar o acceso ao polígono industrial, correspondente á convocatoria do ano anterior para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais galegos.
O delegado territorial significou a aportación do Goberno galego de máis de 435.000 euros aos parques industriais dos concellos de Allariz, Celanova, Pontedeva, San Cibrao das Viñas, Vilamarín, Vilar de Santos, Xinzo de Limia e O Pereiro de Aguiar que encadra coa política industrial da Xunta a prol da modernización e á competitividade dos polígonos industriais e facilite que as empresas dispoñan dos servizos e infraestruturas que necesitan para levar a cabo a súa actividade.
Aproveitando a súa visita , o delegado territorial lembrou que a Xunta ten aberto unha nova orde de axudas por máis de 3 millóns de euros dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde. As solicitudes, que terán un prazo de presentación ata o 7 de marzo, poderanse presentar individualmente ou de forma conxunta baixo calquera fórmula.
Manuel Pardo explicou que as achegas desta orde teñen unha intensidade do 80% do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 120.000 euros para as solicitudes individuais e de 138.000 euros para as solicitudes conxuntas, contemplando anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Tamén detallou que o procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva, téndose en conta criterios como a superficie do parque, o seu nivel de ocupación ou a poboación do municipio.
O representante do Goberno galego concluíu destacando a importancia de “manter unha liña de colaboración e comunicación con todos os concellos para poder levar a cabo obras como esta que benefician ao tecido empresarial galego”.
As actuacións foron encamiñadas a mellorar o acceso ao polígono industrial, ampliando o acceso existente, e consistiron na pavimentación da zona de entrada ao polígono (acceso Oeste), dotándoa dun pavimento de formigón e colocando sumidoiros para a evacuación das augas de choiva.