Por Eles TEA organiza unha nova edición da súa gala solidaria para dar visibilidade ao autismo

OurenseXa
A gala, que terá lugar o 18 de abril no Auditorio Municipal, contará coa presenza da artista galega A Pedreira, a xornalista Tamara Pérez e Ruth Lovera de Vivir Signando, baixo a dirección de Marta Bravo, do estudio Repenica
presentatcion-gala-por-eles-tea
21 Mar 2026

O próximo sábado 18 de abril, ás 18:30 horas, o Auditorio Municipal de Ourense será o escenario da IV Gala Solidaria “Por Eles TEA”, un espectáculo musical que ten como obxectivo achegar á sociedade á realidade das persoas con trastorno do espectro autista. A gala forma parte dun mes de actividades da entidade para sensibilizar e concienciar á cidadanía sobre o autismo.

A presentación do evento tivo lugar esta semana no salón de plenos do Concello de Ourense, coa presenza do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome; a concelleira de Asuntos Sociais, Tamara Silva, e membros da directiva da asociación Por Eles TEA, encabezados pola presidenta Eva Guzmán.

A vicepresidenta da asociación, María Dolores Losada, destacou que se trata dun espectáculo que “achegar un pouquiño máis á sociedade ourensá a realidade das persoas autistas, explicar cales son as súas dificultades e cal é o seu día a día”.Para este ano, asegura, “contamos cuns artistas estupendos que nos van amenizar a tarde. Agradecémolo moitísimo porque é un traballo moi grande que fan desinteresadamente: poñen todo o seu talento e o seu esforzo ao noso servizo”.

A artista galega A Pedreira será a madriña deste ano, e a xornalista Tamara Pérez repetirá como presentadora, baixo a dirección de Marta Bravo, do estudio Repenica. A gala contará coa actuación dunha banda profesional e coa participación de Ruth Lovera, de Vivir Signando, que adaptará algunhas cancións á lingua de signos para facer o evento máis accesible.

As entradas xa están á venda e tamén se habilitou unha fila cero para quen queira colaborar coa asociación. Desde Por Eles TEA animan á veciñanza a asistir ao evento para desfrutar do espectáculo e ao mesmo tempo coñecer mellor a realidade das persoas autistas. “Esperamos que veñan todos os ourensáns o 18 de abril ao Auditorio. Van saír contentos co espectáculo que ofrecemos e sabendo un pouquiño máis de como é a vida dunha persoa autista. Quen veña, repetirá seguro”.

O Concello de Ourense, pola súa banda, reiterou o seu apoio á iniciativa, lembrando que a gala xa se consolidou como un clásico dentro da programación cultural e solidaria da cidade. “Desde o Concello estamos encantados de colaborar un ano máis con esta iniciativa. A gala xa é un clásico e queremos animar a todos a participar, a acudir como público e desfrutalo, porque o pasarán moi ben”, salientou Silva.

A celebración coincide coa proximidade do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo, polo que a asociación organiza ademais charlas, xornadas formativas e actividades de sensibilización en centros educativos e diferentes concellos da provincia, abertas ao público xeral.

0.12441205978394