Presentan a XVII edición da Semana das Maiores de Allariz

O Concello de Allariz, a través da Concellería de Benestar Social, celebra este mes de outubro a XVII edición das Semanas das Maiores, unha iniciativa que cada comezo de mes reivindica o papel fundamental das persoas maiores na sociedade.
Cada 1 de outubro, coincidindo co Día Internacional das Persoas Maiores, o municipio suma a súa celebración para lembrar que todas e todos contan, suman e aportan valor á comunidade.
A concelleira de Benestar Social, Tania Álvarez, e a técnica de maiores, Sonia Paz, presentaron esta edición. As organizadoras destacaron que ao longo de tres semanas se desenvolverán actividades que abranguen diferentes dimensións do envellecemento activo, como cultura, saúde, memoria, lecer e convivencia, e convidaron a todos os veciños e veciñas a participar activamente, lembrando que son eles os verdadeiros protagonistas.
A programación comeza o mércores 1 de outubro cunha andaina e xantar de convivencia, co obxectivo de compartir camiñada, conversa e mesa. O martes 7, ás 17:00 horas no Fogar dos Maiores, celebrarase o obradoiro “Transformacións ao longo da vida”, impartido pola psicóloga sanitaria Marisa Fariñas, centrado na reflexión sobre os cambios persoais, emocionais e sociais.
O venres 10 será a viaxe cultural a A Coruña, un día para gozar do patrimonio e da cultura da cidade, mentres que o mércores 15, ás 17:00 horas, terá lugar o obradoiro “Lembrar, volver a pasar polo corazón” con Getse Valenzuela, enfocado na memoria e nas vivencias compartidas.
O ciclo pecharase o venres 17, ás 19:30 horas, coa presentación do proxecto documental “Fiar e cantar”, que recolle a voz e a memoria das mulleres transmisoras da música e da poesía oral galegas.