Preto 800 escolares de toda a provincia de Ourense participaron no programa ‘Xogade’ de piragüismo

OurenseXa
Durante dúas semanas escolares de toda a provincia gozaron desta actividade organizada pola Xunta de Galicia, e impartida por monitores da Federación Galega de Piragüismo
clausura-programa-xogadee-piraguismo
10 May 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Castrelo de Miño para, acompañado do seu alcalde, Avelino Pazos, participar na clausura das xornadas do programa Xogade de piragüismo, que se desenvolveron dende o pasado 28 de abril no Parque Náutico de Galicia, ao abeiro do programa Xogade (Xogos Deportivos Galegos en Idade Escolar) para o curso 2024/2025 que promove a Secretaría Xeral para o Deporte.

O delegado territorial explicou que nestas dúas semanas, case 800 escolares de toda a provincia de Ourense participaron nesta actividade organizada pola Xunta de Galicia, e impartida por monitores da Federación Galega de Piragüismo, onde puideron acercarse ao mundo do piragüismo e practicas a modalidade dragón. Os centros educativos participantes foron: o IES Aquis Querquernis (Bande), o IES San Mamede (Maceda), o CEIP Ribadavia e o IES O Ribeiro (Ribadavia), o CEIP Filomena Dato (Barbadás), o CEIP Princesa de España e o IES Taboada Chivite (Verín), o CPI Antonio Faílde (Coles), o CEIP Sandiás (Sandiás), o IES Allariz e o CEIP Padre Feijóo (Allariz), e da cidade de Ourense, os IES Universidad Laboral, As Lagoas, Eduardo Blanco Amor e o Ramón Otero Pedrayo; e os CEIP Mestre Vide e o CEIP Seixalbo.

Manuel Pardo detallou que esta iniciativa da Xunta de Galicia, forma parte da decimo sexta edición do programa Xogade, que comezou a súa andaina o pasado setembro de 2024 con 39 federacións deportivas e 16 modalidades, así como a participación dunha trintena de agrupacións deportivas escolares en Galicia.

Neste sentido, lembrou que na tempada 2023-2024, contabilizáronse case 148.000 escolares de 6 a 16 anos que supoñen o 60 % dos máis de 249.300 que hai en Galicia. En total, estes 148.000 escolares sumaron 184.500 participacións, das que máis de 110.219 participacións -case o 60 %- representan a actividade deportiva federada e as 74.290 restantes en actividade deportiva escolar.

O representante do Goberno galego rematou destacando a importancia deste programa, xa que reúne toda a oferta deportiva escolar e federada para os rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos co obxectivo de inculcar a práctica de actividade física entre as xeracións máis novas; e significou a importancia do deporte nas idades máis temperás para avanzar cara a unha Galicia activa e saudable, evitando o sedentarismo e a inactividade física.

⚙ Configurar cookies
0.16755509376526