Preto de 4.000 nenos e nenas da provincia participaron na iniciativa de formación escolar ‘Mira que Boca’

A iniciativa de promoción da saúde bucodental infanto-xuvenil “Mira que Boca”, coa que as oito hixienistas dentais de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras percorren os centros educativos da provincia, pecha este curso con case catro mil alumnos e alumnas de infantil e primaria alcanzados, grazas a unha intensa actividade que permitiu programar 184 talleres, 81 máis que en 2024, sendo na actualidade un dos cursos máis demandados polos colexios.
Mira que Boca iniciouse en xaneiro de 2023, e forma parte das actividades de saúde comunitaria dos Servizos de Atención Primaria de Ourense, que se ofertan aos centros escolares para fomentar os hábitos de hixiene bucodental entre os escolares. O seu crecemento este ano, pasando de 2.493 alumnos en 2024 a 3.840 ata este mes de maio é mostra da súa consolidación.
Nos talleres, con contidos e metodoloxía adaptada aos alumnos de infantil e primaria, as profesionais das Unidades de Saúde Bucodental fan promoción dos hábitos de vida saudables, especialmente dunha dieta saudable, evitando os alimentos azucarados e ultraprocesados, para evitar a carie, así como facilitando instrucións prácticas de hixiene oral, e de como realizar un bo cepillado dental, todo elo co obxectivo de convertelos en patróns de saúde de cara a súa vida.
O proxecto de “Mira que Boca” está a recibir una gran acollida tamén a nivel profesional, que avalan o seu funcionamento con dous premios no que vai de ano: Un a nivel nacional co “Marisa Casares” do Colexio Profesional de Hixienistas de Madrid, e o primeiro premio na categoría de póster, nas últimas Xornadas de Enfermería de Ourense.
O programa de saúde bucodental do Servizo Galego de Saúde en Atención Primaria, desenvolvido por odontólogos e hixienistas, ofertase aos nenos e nenas, desde o seu nacemento ata os catorce anos de idade e, ademais da labor educativa en materia de hixiene e saúde bucodental, inclúe na súa carteira de servizos as revisións preventivas e periódicas da cavidade oral, o diagnóstico das maloclusións dentais, a aplicación profesional de flúor tópico, o selado de fosas e fisuras en molares permanentes; a obturación das caries simples de molares permanentes e a limpeza con ultrasóns e pulidos dentarios se existe compromiso de saúde xinxival.
Ademais de nesta especialidade, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras organiza ao longo do ano un gran número de intervencións comunitarias, a través de diversos programas de saúde e de educación para a cidadanía, desenvolvidos polos distintos servizos de atención primaria e coordinados pola Subdirección de Enfermaría da área, nas que participan persoas de todas as idades.
Actividades de educación sanitaria e promoción da saúde como “Pupas, sustos e outros desgustos” e “Matilda no Cole” de formación e normalización das emerxencias da vida diaria, destinado a escolares; “Queréndonos Ben” de educación afectivo-sexual orientada aos adolescentes, de prevención de disfuncións no Chan Pélvico; de alimentación; de formación no aplicativo Sergas Mobil; cursos para coidadores; así como talleres de autocoidados sobre diferentes patoloxías crónicas, entre outros.
Hoxe mesmo arranca a terceira edición da Semana da Saúde de O Pereiro de Aguiar, organizada polo persoal sanitario deste Centro de Saúde, con charlas e obradoiros sobre distintas temáticas, todas as tardes no salón de actos do centro de Día de Os Gozos.