Preto de 400 estudantes participaron na Feira EmpregoInCampus de Ourense

O campus de Ourense celebrou este mércores a súa principal cita anual co emprego: a Feira EmpregoInCampus. Nela, o alumnado dos seus nove centros, especialmente aquel que cursa os últimos anos de grao, mestrado e doutoramento, tivo a oportunidade de coñecer directamente as opcións de prácticas e desenvolvemento profesional ofrecidas por unhas 70 entidades públicas e privadas de distintos sectores. A organización calcula que ao longo do día participaron arredor de 400 estudantes.
A actividade foi organizada pola Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Ourense, as súas facultades e escolas, e co patrocinio do Campus Auga, o Consello Social da Universidade de Vigo, Eures e a Xunta de Galicia.
Durante a xornada celebrouse unha visita institucional na que participaron o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e representantes da Xunta de Galicia, do Goberno central, do Concello de Ourense e da Deputación, así como membros do propio campus.
A vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, salientou a diversidade das entidades participantes e subliñou que as empresas acoden a esta feira co obxectivo de atopar talento universitario e coñecer de preto ao estudantado. Máis alá das ofertas concretas, Caparrini destacou a utilidade deste tipo de encontros para que o alumnado coñeza os perfís e competencias máis demandados no mercado laboral. Pola súa banda, o vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo, valorou a feira como unha excelente oportunidade para que o estudantado —especialmente quen está a piques de rematar a súa formación— conecte directamente co ámbito profesional. Tamén lembrou os bos índices de empregabilidade das titulacións do campus, e considerou que esta actividade é unha ferramenta clave para facilitar a transición do mundo académico ao laboral.
Ampla participación
As entidades presentes na feira abranguían unha ampla variedade de sectores vencellados ás titulacións do campus ourensán: desde a alimentación e a enxeñaría ata asociacións, centros tecnolóxicos e organismos públicos como a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense ou a administración estatal.
Ao igual que en edicións anteriores, a feira dividíase en dúas áreas principais: por unha banda, unha zona con expositores de medio cento de entidades que buscaban perfís diversos; por outra, un espazo xestionado pola Escola Superior de Enxeñaría Informática, no que se realizaron entrevistas concertadas entre o seu alumnado e 26 empresas, algunhas delas tamén presentes na zona xeral.
Entre as entidades participantes figuraban nomes como Abanca, Aceites Abril, Aertec Solutions, Axencia Tributaria, Alén Space, Arias Avogados, Atelier Social, Balidea, Bahía Software, Ceesg, Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, Codisoil, Coren, Hotusa, Gradiant, LexAuria, Ministerio de Defensa, Uría Menéndez Abogados, ademais de representantes das forzas armadas e corpos de seguridade.
O estudantado puido entregar o seu currículo a través dun código QR xerado no momento da inscrición. Tamén houbo un espazo específico dedicado ao Pasaporte de Empregabilidade, no que se ofrecía asesoramento sobre o CV e fotografía profesional.
Segundo indicou Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento, aínda que se rexistraron arredor de 250 estudantes, a cifra final ascendeu ata os 400, sumando tamén os que se achegaron libremente durante o día. Entre eles estaban Xabier Conde e Ariadna Pérez, estudantes de cuarto curso do Grao en Enxeñaría Informática, que destacaron o valor de poder falar directamente coas empresas, especialmente agora que comezan a buscar saídas profesionais.