Preto de 600 estudantes de nove centros de ensino galegos participan na iniciativa ‘Coñece o campus de Ourense’

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Entre os centros participantes atópanse o IES Lama das Quendas (Chantada), o CPR Plurilingüe Miraflores (O Pereiro de Aguiar), o IES Julio Prieto Nespereira (Ourense) ou o IES Ramón Otero Pedrayo (Ourense)
portas-abertas-uvigo-campus-de-ourense
Imaxe da UVigo
8 Apr 2025

Este luns e martes, preto de 600 estudantes de nove centros de ensino galegos están a participar na iniciativa Coñece o campus de Ourense. Durante unha mañá, os asistentes poden experimentar o ambiente universitario en primeira persoa, visitando os centros e instalacións do campus e coñecendo as titulacións dispoñibles. Esta actividade complementa outra celebrada en xaneiro, á que asistiron arredor de 900 estudantes de Bacharelato.

A organización corre a cargo da Vicerreitoría do Campus de Ourense, coa colaboración da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo. A xornada comezou cunha recepción no edificio Politécnico, seguida dunha visita guiada polas diferentes escolas e facultades. Durante a benvida, o vicerreitor do campus, Francisco Javier Rodríguez, agradeceu a implicación de alumnado, profesorado e centros educativos, destacando o interese que esperta este campus mesmo fóra da provincia de Ourense. Animou tamén ao estudantado a aproveitar a ocasión para descubrir as oportunidades académicas e profesionais que ofrece este espazo universitario, sinalando como exemplo os bos datos de inserción laboral das súas titulacións.

O luns participaron centros como o IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín), o IES Julio Prieto Nespereira (Ourense), o Colexio San José (A Guarda) e o IES Ramón Otero Pedrayo (Ourense). O martes será a quenda para o IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras), o CPR Plurilingüe María Auxiliadora (Ourense), o IES Lama das Quendas (Chantada), o IES Nº 1 (O Carballiño) e o CPR Plurilingüe Miraflores (O Pereiro de Aguiar). Os estudantes fixeron visitas guiadas ás facultades e escolas, organizadas en itinerarios segundo a modalidade de Bacharelato: un centrado nas áreas xurídico-sociais, humanidades e artes, e outro nas ciencias e enxeñaría.

Do ensino á investigación

Durante o percorrido, o alumnado explorou as instalacións universitarias, dende aulas e laboratorios ata espazos expositivos, acompañados por membros dos equipos decanais e directivos, que lles explicaron os detalles das titulacións, actividades académicas e posibles saídas laborais. Ademais, puideron coñecer de preto o labor investigador que se realiza no campus, especialmente na Facultade de Ciencias, pero tamén en campos como a intelixencia artificial, a arqueoloxía ou a aeronáutica. Tamén visitaron o Campus Auga, proxecto de especialización recoñecido pola Xunta de Galicia, e outras instalacións comúns da universidade, incluíndo algúns descansos activos.

Na actualidade, o campus de Ourense conta con nove centros nos que se ofertan 16 graos, tres dobres titulacións, 15 mestrados e sete programas de doutoramento, con máis de 5000 estudantes matriculados. O itinerario de humanidades e ciencias sociais permitiu visitar as facultades de Educación e Traballo Social, Historia, Ciencias Empresariais e Turismo, Dereito e Relacións Internacionais. Pola súa banda, o itinerario científico-técnico incluíu a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Universitaria de Enfermaría.

A mesma programación repetirase este martes. Segundo apuntou Francisco Javier Rodríguez, entre esta convocatoria e a de xaneiro, máis de 1500 estudantes preuniversitarios tiveron xa a oportunidade de achegarse ao campus no que vai de ano. “Marchan sempre moi satisfeitos, porque é un día distinto no que poden entrar na universidade, ver como se traballa nas aulas e laboratorios, e facerse unha idea do que lles espera se deciden estudar aquí”, destacou o vicerreitor.

⚙ Configurar cookies
0.087898969650269