Preto de 700 alumnos da provincia de Ourense participan nos campamentos dixitais da Fundación Cibervoluntarios

Un total de 698 estudantes de toda a provincia de Ourense participan no Programa Campamentos Dixitais que imparte a Fundación Cibervoluntarios, en colaboración con diferentes concellos ourensáns e, grazas ao programa impulsado polo Ministerio de Xuventude e Infancia.
O programa contou con 49 actividades nunha provincia na que xa se expediron 588 certificados (219 en concellos de menos de 5.000 habitantes). Ademais, aínda hai 11 actividades xestionadas e pendentes de realizar na provincia, con 176 alumnos e alumnas.
Os municipios que se beneficiaron ata agora desta iniciativa foron Xinzo de Limia, San Cristovo de Cea, Celanova, O Carballiño, Vilariño de Conso, A Pobra de Trives, Xunqueira de Ambía, Maceda, Oímbra, Coles, Viana do Bolo, Castrelo de Miño, Vilamarín, Cartelle, A Rúa ou Bande.
Pola súa conta, un novo campamento deu comezo este luns en Barbadás. Nel participan rapaces e rapazas de 9 a 17 anos, que aprenderán estes días sobre competencias dixitais.
O subdelegado do Goberno, Eladio Santos, acompañado polo alcalde do municipio, Xosé Carlos Valcárcel, a tenente de alcalde, Victoria Morenza, e a concelleira de Deportes e Xuventude, Noemí Pintos, participaron esta mañá na inauguración da formación, onde o subdelegado destacou o compromiso do Goberno de España coa formación dixital “para protexer á xuventude dos perigos das redes”.
Santos subliñou a importancia de ter coñecementos de internet desde idades temperás para que a xuventude sexa consciente dos problemas que enfronta ao acceder a unha pantalla. “Trátase dunha iniciativa pensada para achegar ás novas xeracións ferramentas que lles permitan moverse con seguridade no entorno dixital”, detallou.
Así, Eladio Santos agradeceu a súa labor á Fundación Cibervoluntarios por realizar campamentos como o de Barbadás por toda a provincia de Ourense. “Organizacións como esta fan que a transformación dixital sexa tamén unha transformación social, máis xusta e inclusiva”, remarcou. Tamén salientou o esforzo do Concello en materia de educación por colaborar sempre con outras administracións para que os mozos e mozas do municipio teñan a mellor formación complementaria posible.
O Programa de Competencias Dixitais para a Infancia, que promove estes campamentos, está dotado con 220 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Con el, o Ministerio de Xuventude e Infancia forma en toda España a 950.000 menores. Os Campamentos Dixitais, que se promoven con estas partidas, responden á necesidade de que a infancia e a mocidade conten con ferramentas adecuadas para desenvolverse nunha contorna cada vez máis dixitalizada. O obxectivo é formar no uso seguro e responsable da tecnoloxía, potenciar o talento dixital e fomentar o pensamento crítico entre os máis novos, con especial atención a aqueles en situación de maior vulnerabilidade dixital, ao ser estas actividades completamente gratuítas para as e os usuarios.