Preto de 900 estudantes preuniversitarios participan nas xornadas de portas abertas do Campus de Ourense
Este mércores e xoves, o campus de Ourense recibe a estudantes de Bacharelato coa xornada "Descubre o campus de Ourense". Neste evento, preto de 900 rapaces e rapazas (450 cada día) procedentes de centros educativos da provincia e arredores terán a oportunidade de explorar as súas instalacións e coñecer de primeira man as titulacións que nel se imparten.
Organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense co apoio da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo, a actividade comezou este mércores cunha recepción no edificio Politécnico. Durante a benvida, o vicerreitor do campus, Francisco Javier Rodríguez, agradeceu ao alumnado, profesorado e centros educativos o seu interese por achegarse a coñecer as posibilidades que ofrece este campus universitario.
Na súa intervención, o vicerreitor subliñou que esta xornada non só é unha oportunidade para descubrir as titulacións dispoñibles, senón tamén para familiarizarse cos espazos onde os estudantes poderían desenvolver a súa vida universitaria no futuro. Entre os puntos fortes do campus, destacou a súa excelencia en docencia e investigación, o recoñecemento en rankings internacionais, as altas taxas de empregabilidade das súas titulacións, a súa ubicación céntrica e a calidade da súa oferta cultural, deportiva e de internacionalización.
Das aulas aos laboratorios
A xornada continuou con visitas guiadas ás distintas escolas e facultades, nas que o alumnado escolleu entre dous itinerarios segundo a modalidade de Bacharelato que están a cursar: un centrado en áreas xurídico-sociais, humanidades e artes; e outro en ciencias e enxeñaría. Na actualidade, o campus de Ourense conta con nove escolas e facultades que imparten 16 graos, tres programas de dobres graos, 15 mestrados e sete programas de doutoramento, con máis de 5.000 estudantes matriculados.
O percorrido do ámbito xurídico-social, humanidades e artes incluíu as facultades de Educación e Traballo Social, Historia, Ciencias Empresariais e Turismo, Dereito e Relacións Internacionais. Pola súa banda, o itinerario de ciencias e enxeñaría levou aos participantes á Escola Superior de Enxeñaría Informática, á Facultade de Ciencias, á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e á Escola Universitaria de Enfermaría.
Durante as visitas, os estudantes percorreron aulas, laboratorios e museos, guiados por equipos directivos que lles explicaron aspectos clave sobre as titulacións, actividades académicas e saídas profesionais. Ademais, tiveron a oportunidade de coñecer proxectos de investigación destacados, especialmente na Facultade de Ciencias, así como en áreas como a arqueoloxía, o espazo e a intelixencia artificial. O percorrido tamén incluíu o proxecto de especialización "Campus Auga", avalado pola Xunta de Galicia, xunto con instalacións comúns como áreas deportivas, biblioteca e zonas verdes.
O mércores, participaron estudantes dos IES Cosme López Rodríguez (A Rúa), IES Laxeiro (Lalín), IES A Pinguela (Monforte de Lemos), IES Allariz (Allariz) e os IES Eduardo Blanco Amor, IES Ferro Couselo e CPR Plurilingüe Santa María de Ourense. O xoves, o campus recibirá a mozos e mozas do IES Xesús Taboada Chivite (Verín), IES Carlos Casares (Viana do Bolo), IES Celanova Celso Emilio Ferreiro (Celanova), IES Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño), IES Lagoa de Antela (Xinzo de Limia) e os IES 12 de Outubro, CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús, Colexio Plurilingüe Divina Pastora e CPR Seminario Menor A Inmaculada de Ourense.