Previsel celebra o seu 18 aniversario en Expourense con máis de 50 actividades

OurenseXa
A cita, referente na formación especializada en prevención e seguridade laboral, desenvolverase durante os días 12 e 13 de marzo
Presentación de Previsel 2025
10 Mar 2025

Previsel cumpre a súa maioría de idade posicionada como a única cita en Galicia centrada en exclusiva na formación especializada en prevención e seguridade laboral impartida por expertos na materia. A 18ª edición deste salón celebrarase en Expourense os días 12 e 13 de marzo contando unha vez máis coa estreita colaboración de administración, patronal, sindicatos, colexios profesionais e servizos de intervención e emerxencias, aos que agora se suman distintos centros educativos de Formación profesional, que elaboraron un completo programa con máis de 50 actividades que teñen o obxectivo de insistir na necesidade de contar con formación en materia de seguridade e prevención de riscos ou de enfermidades promocionando ademais boas prácticas que garantan a saúde laboral dos traballadores e traballadoras.

A 18ª edición de Previsel foi presentada esta mañá en Expourense nun acto no que participou o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Manuel Pardo; pola vicepresidenta da Deputación Provincial de Ourense, Marta Novoa; polo director do Centro Issga en Ourense, Ángel López; polo representante de TESGALICIA, Alberto García; e polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.

Tanto os profesionais como o público xeral que asistan a Previsel atoparanse dúas áreas: exposición e xornadas técnicas. En total, esta cita contará cunha trintena de participantes procedentes de Galicia na súa meirande parte, aínda que nesta edición se incorporan como expositores empresas especializadas en seguridade laboral de fóra da nosa comunidade como Prevor ou “dulann”. Esta última, especializada en sistemas de xestión para o cumprimento da Normativa EHSQ, participa por primeira vez e faino ademais como entidade colaboradora do evento. Tamén destaca a presenza en feira de asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e servizos de prevención, seguridade e emerxencias.

XORNADAS E OBRADOIROS

Previsel 2025 presenta un completo programa de actividades que inclúen tanto formación especializada dirixida a sectores produtivos concretos como charlas e obradoiros de divulgación xeral en materia de prevención, saúde, seguridade laboral ou primeiros auxilios. A seguridade na edificación, a extinción de incendios, a atención inclusiva, o papel dos sanitarios e servizos de emerxencia en catástrofes como a Dina de Valencia ou os accidentes con múltiples vítimas (11M, Angrois, accidente Spanair...) serán algúns dos temas abordados nestas xornadas. O programa conta coa participación de 50 relatores.
O Instituto de Saúde e Seguridade Laboral de Galicia, ISSGA, volve apostar por Previsel como plataforma de promoción da cultura preventiva e como o marco elixido para impartir formación especializada dirixida a profesións concretas. Na primeira xornada do salón, mércores 12 de marzo, impartirán un seminario sobre a “Recomendacións preventivas contra caídas de altura na colocación de paneis solares en cubertas”. Ao día seguinte, o ISSGA impartirá outra xornada centrada na prevención de “riscos músculo-esqueléticos no uso de pantallas na oficina”. Por outra parte o ISSGA; en colaboración con FREMAP, impartirán dous obradoiros teórico-prácticos sobre a prevención de risco eléctrico en baixa tensión.

Unha das novidades desta edición será a participación de centros educativos vencellados coa Formación Profesional como o Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros e o CIFP A Carballeira que acoden a esta cita con simuladores de

realidade virtual que ofrecen unha experiencia inmersiva 360º en emerxencias sanitarias. Outra das empresas participantes utilizará tamén simuladores para impartir un obradoiro sobre control de hemorraxias.

Como é habitual, a Confederación Empresarial de Ourense, CEO; participará como expositora e ademais impartirá unha xornada en Previsel que este ano incidirá na sensibiización na prevención de riscos seguindo o modelo dunha “scape room”.

Outra das entidades que aproveitará a celebración do salón para impartir formación especializada aos seus asociados e a todo aquel que desexe anotarse será a Fundación Laboral da Construción de Galicia que organiza a xornada teórico-práctica sobre extinción de incendios en obras en construción. O xoves 14 en colaboración coa Asociación de Construtores de Ourense, ACO, celebrarán unha xornada sobre as Oportunidades de Emprego no sector da construción.

Relacionada con este sector está a mesa de debate sobre “a seguridade na construción e na industria” na que participarán representantes dos colexios profesionais vencellados coa construción e os accidentes laborais (enxeñeiros técnicos agrícolas, arquitectos, arquitectos técnicos, enxeñeiros técnicos industriais, avogados e médicos).

Previsel conta un ano máis coa implicación dos tres sindicatos maioritarios en Galicia que convocarán aos seus afiliados de toda Galicia a participar nas actividades que organizaron. U.G.T. organizou unha xornada sobre a vixilancia da saúde dos traballadores que se impartirá durante os dous días e que inclúe obradoiros prácticos sobre “aplicación de torniquetes e hemostáticos”. Pola súa parte, CC.OO. deseñou unha conferencia sobre a Silicose e o seu impacto na provincia de Ourense. A CIG pola súa parte organiza unha xornada na que analizará a minería e as súas repercusións económicas, laborais e ambientais. O Sindicato de Enfermería SATSE súmase tamén ao programa de Previsel organizando varios obradoiros especializados sobre manexo da vía aérea supraglótica ou sobre constantes vitais básicas e avanzadas.

O programa de conferencias complétase coa mes redonda sobre a toma de decisións fronte a un incendio forestal organizada pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. As empresas participantes tamén impartirán formación especializada. Prevor impartirá unha conferencia sobre sensibilización e descontaminación química fronte a corrosivos e irritantes. Pola súa parte, “dulann” falará sobre a dixitación na prevención de riscos e cómo xustificar o investimento en software EHS.

Como é xa habitual dende o ano 2015, a Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia, TESGALICIA, organizarán unha quincena de actividades dirixidas a persoal sanitario e outras á sociedade en xeral e que apostan pola formación continua dos profesionais. Entre as actividades destinadas ao público xeral, TESGALICIA colabora na organización da visita do Helicóptero medicalizado H4 (mércores 12 ás 13.00 horas) ou na exhibición de excarcelación de vehículos na que tamén participa o Servizo de Bombeiros do Polígono Industria de San Cibrao das Viñas e a Deputación de Ourense. Unha das novidades deste ano será a ponencia de TESGALICIA sobre a “atención inclusiva: abordaxe con pacientes xordos e cegos” na que contan coa colaboración da FAPXG (Federación de Asociacións de Persoas Xordas en Galicia) e da ONCE.

Entre as actividades permanentes destaca o posto de asesoramento do Gabinete de Prevención de Riscos Laborais da Confederación Empresarial de Ourense – CEO; as cadeas de supervivencia da Cruz Vermella Ourense; as medicións antropométricas realizadas pola Xefatura Territorial en Ourense da Consellería de Sanidade; ou a información sobre as carpas de aire presurizado como recurso preventivo e de intervención que correrá a cargo de Protección Civil do Concello de Barbadás.

Tamén participará en Previsel, como xa á habitual, o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias – AXEGA. As actividades compleméntanse con distintas exposicións de equipamentos e vehículos vencellados coa prevención e as emerxencias achegadas por entidades como a Deputación de Ourense, Protección Civil de Ourense, Protección Civil de Barbadás, o SAMUR, a BRILAT ou por empresas como Carrocerías Rodríguez López.

Previsel 2025 conta co apoio principal do ISSGA e coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia e da empresa “dulann” . A asistencia a estas actividades é gratuíta e precisa de inscrición previa a través da web www.previsel.com ou no teléfono 988 366 030.

O horario de apertura do salón será o mércores 12 de marzo de 10.00 a 14.00 horas. e de 16.00 a 19.00 horas, e o xoves de 10.00 a 14.00 horas.

⚙ Configurar cookies
0.14840507507324